O Ministerio de Ciencia e Innovación concedeu dúas axudas á USC que permiten que un equipo de expertos e profesionais documenten as condicións e o estilo de vida no século IX desta zona da Mariña
Mondoñedo, 8 de agosto de 2023. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou hoxe en Mondoñedo o compromiso do Goberno coa investigación, conservación e posta en valor do patrimonio histórico lucense, cun investimento de 154.000 euros para realizar os traballos arqueolóxicos de escavación da necrópole medieval localizada no lugar de Combarro, na parroquia de San Vicente de Trigás. Ditas actuacións, financiadas con dous axudas do Ministerio de Ciencia e Innovación á Universidade de Santiago de Compostela (USC), están permitindo dende o 1 de agosto que un equipo de expertos e profesionais documenten as condicións e o estilo de vida desta zona da Mariña durante a época medieval.
Isabel Rodríguez desprazouse este martes ata Mondoñedo para coñecer in situ os avances da investigación, acompañada do alcalde do municipio, Manuel Otero; o coordinador do proxecto e profesor en arqueoloxía medieval na USC, José Carlos Sánchez; o arqueólogo municipal, Abel Vigo; e o propietario dos terreos, Miguel Chao, ademais dos especialistas en arqueoloxía, antropoloxía e historia medieval que están a traballar na necrópole.
Neste sentido, a representante do Executivo na provincia subliñou a importancia destas investigacións “para promover o coñecemento e a reflexión sobre a nosa historia como forma de profundar na cultura galega”. Igualmente, salientou o valor desta actuación, cuxo impulso “pon de manifesto a sensibilidade do Goberno pola recuperación de vestixios da historia da provincia de Lugo, neste caso a través dun xacemento que vén deixar constancia da importante presenza e actividade feudal neste territorio”.
O equipo interdisciplinar que desenvolve os traballos presentou á subdelegada o progreso nesta primeira fase do proxecto. A actuación en Combarro permitirá determinar a área da necrópole e documentar parte do conxunto funerario para, en futuras fases do programa, poder coñecer como eran e como se relacionaban estas persoas.
“É unha oportunidade para achegar o patrimonio histórico aos veciños e veciñas de Mondoñedo, para que o valoren, concienciando e sensibilizando, facéndoos partícipes destes estudos arqueolóxicos que afondan nas relacións sociais e económicas da Mariña Central, da que existe un gran descoñecemento sobre esta época” manifestou Isabel Rodríguez. Así mesmo, agradeceu o intenso traballo de investigación realizado pola USC para influír no coñecemento do patrimonio por parte da cidadanía lucense. Nesta liña, desde a Universidade prevense accións divulgativas nos próximos meses para informar sobre os descubrimentos que se están rexistrando.
Os labores arqueolóxicos en Combarro vincúlanse ao proxecto ‘Ecoloxías e economías locais na Alta Idade Media’ (ECOLOC), financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, e á investigación ‘Arqueoloxía das paisaxes monásticas na Galicia altomedieval’ (ARPAMED) financiado pola Axencia Estatal de Investigación a través da convocatoria do ‘Plan Nacional Xeración de Coñecemento 2020’.
Tumba infantil, cerámica e outros importantes descubrimentos
O conxunto funerario obxecto de estudo é do século IX e atópase nunha zona moi extensa, que se compón de diferentes espazos, centrándose estes días nas sondaxes de tres zonas de análise: o interior da finca, o exterior e a parcela ao carón. O terreo está actualmente cuberto de vexetación que naquel momento non existía, pero a escavación permitiu aflorar dúas tumbas na propiedade de Miguel Chao, unha infantil, en moi bo estado de conservación; e outra dunha persoa adulta, deteriorada polo progresivo paso do tempo. Nestes días iniciarase o proceso de apertura das tumbas para coñecer as condicións que presentan os restos óseos.
Por outra banda, fora do solar os profesionais levaron a cabo dúas sondaxes nas que acharon unha posible zona de ocupación previa ao cemiterio, entre os séculos V e VII, con varias pezas de cerámica. A intervención completarase esta semana para determinar as estancias de dito xacemento. Unha vez finalizado o traballo de campo, todos os restos recuperados levaranse a un laboratorio para ser analizados e documentados.




























Estará dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, xa que neste 2026 cúmprese o centenario do nacemento de quen fora presidente do Goberno. No acto interviñeron o presidente do RCNR, Pablo Fernández, o director territorial de Deportes da Xunta, Manuel Otero, un dos fillos do tamén alcalde honorario de Ribadeo Víctor Calvo-Sotelo, e o rexedor ribadense, Dani Vega. Todos exaltaron a práctica deportiva na ría, a labor desenvolvida polo Real Club Náutico e a vinculación de Leopoldo Calvo-Sotelo co estuario. Entre o público asistente estaban máis membros da familia Calvo-Sotelo, directivos e ex directivos do RCNR, edís de Ribadeo e representantes de Acisa.
O grupo, composto por cinco mulleres e sete homes cunha media de 26 anos, foi recibido pola subdelegada do Goberno, Olimpia López, que lles agradeceu o compromiso co servizo público e destacou o papel esencial da Policía Nacional na seguridade cidadá. Oito axentes estarán na Comisaría de Lugo, dous en Monforte e dous en Viveiro. Ao finalizar as prácticas, escollerán destino definitivo segundo a puntuación obtida no proceso selectivo.
A iniciativa busca poñer en valor a diversidade cultural do municipio a través da gastronomía, convidando ás persoas de diferentes países a elaborar pratos típicos que se ofrecerán de forma gratuíta ao público. O Concello asumirá o custo dos ingredientes e asignará a cada participante un posto identificado co seu país de orixe. As inscricións poden realizarse ata o 29 de xullo enviando un correo a feiras@vilalba.es. Rouco chamou á participación para seguir construíndo unha Vilalba aberta e integradora, nunha feira que quere consolidarse como espazo de convivencia e dinamización da feira tradicional.
Ata o 4 de agosto poderán realizarse as renovacións, mantendo as tarifas aprobadas en asemblea: 200 € e 250 € para adultos, e acceso gratuíto para menores grazas ao convenio coa Fundación Imdecum, con opción voluntaria de abono infantil por 40 € con reserva de asento. A partir do 5 de agosto activaranse as novas altas. Os abonos poderán tramitarse a través de CLUBER ou presencialmente na oficina do club, con horario de mañá e tarde en xullo e só de mañá en agosto.
A Presidenta Carmela López destacou o valor deste produto emblemático da Mariña e o traballo do sector pesqueiro. Rocío Rivera e Herminia Pernas puxeron en valor a tradición mariñeira de Burela e o papel dos mariñeiros da Moncloa. O público degustou 450 tapas elaboradas con bonito nunha xornada que serviu de escaparate desta cita gastronómica e de convite a visitar Burela a próxima fin de semana.
As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
Trátase dunha mostra de 28 fotografías de gran formato do naturalista Ezequiel Martínez que reivindica a diversidade e a conservación da fauna salvaxe. A iniciativa, organizada polo Concello da Pastoriza en colaboración con ABANCA e Afundación dentro do proxecto Corrente cultural, poderá visitarse de balde ata o 26 de agosto. As imaxes, acompañadas de textos divulgativos elaborados por especialistas de Naturnova, amosan especies emblemáticas como o oso pardo, a cegoña, o cervo ou a aguia imperial, convidando a reflexionar sobre a importancia de protexer o patrimonio natural.



