Dani Vega subliña que se trata dun inmoble cun valor patrimonial moi importante
Ribadeo, 31 de outubro de 2023. O Concello inviste 160.000 euros, procedentes da Xunta de Galicia, na rehabilitación da caseta dos camineros, que acollerá á sociedade deportiva do coto de caza de Remourelle. O alcalde, Dani Vega, destaca que se trata dun inmoble cun valor patrimonial moi importante.
O rexedor dixo que “seguimos xestionando o orzamento para investir no noso pobo, para seguir rehabilitando o que é de todos, e neste caso trátase dun patrimonio do que fomos herdeiros, xa que nos foi entregado por aqueles que antes o construíron e nos temos a obriga de conservalo”.
Vega cre que “todos estes edificios que atopamos abandonados deben ser rehabilitados, pero é moi importante darlles un uso para un colectivo, para unha entidade que está a traballar e que está a facer máis grande o noso pobo”.
O alcalde subliñou que “neste caso xestionamos preto de 160.000 euros, que por parte do Agader da Xunta nos foron entregados para rehabilitar un edificio que todos observábamos que estaba abandonado. Alí en Remourelle, a carón da estrada Reme-Vilamar, a antiga casa dos camineros estaba abandonada”.
Dani Vega explicou que “se trata dun edificio cun valor patrimonial moi importante. Nos, cando aínda estabamos na oposición, empezamos a xestionar o orzamento en colaboración coa sociedade deportiva do coto de caza de Remourelle, que levaba moitos anos reclamando que lles entregaran ese edificio en cesión para poder utilizalo. Pasaron distintos gobernos por Ribadeo, pero a idea non tivo éxito. E neste momento nos xa estamos a rehabilitar o edificio, pero insisto en que o traballo empezou cando estabamos na oposición”.
O rexedor tivo palabras de agradecemento: “grazas a todos os técnicos municipais que están a traballar, tamén ao coto de caza que colabora sistematicamente e grazas á Xunta de Galicia por esa partida tan importante de preto de 160.000 euros para amañar a cuberta, para o reforzo das paredes, a renovación de ventás e de portas, un novo solo en todo o edificio e eses traballos de rehabilitación para destacar esa marabillosa pedra das paredes e as contornas das ventás de cantería. Tamén foi eliminada toda a maleza que o rodeaba e agora atopamos un edificio limpo no seu exterior e estamos a concluír estas obras moi importantes. E ese edificio acollerá á sociedade deportiva do coto de caza de Remourelle, onde poderán facer as súas reunións, as súas actividades e os seus momentos máis lúdicos”.
E engadiu: “noroboa a todos e seguimos xestionando e investindo no noso patrimonio, que é a nosa obriga”.