Os populares condenan “a discriminación a Galicia que se aprecia coa liña de FEVE” e que “as obras das depuradoras de Foz e Burela estean paralizadas por Costas do Estado, a pesar de que a Xunta ten presuposto para executar os proxectos”
A Mariña, 25 de xaneiro de 2024. O coordinador xeral do PP lucense e candidato popular, José Manuel Balseiro, asegura que “ser socialista e falar de infraestruturas na Mariña é ter bastante atrevemento” tendo en conta que “están todas paralizadas por gobernos socialistas como o que preside Pedro Sánchez”.
Balseiro fai un repaso dos principais proxectos pendentes nesta materia e explica que “a A-74, que está proxectada dende a Espiñeira ata Castelo e que o Goberno de Rajoy deixou planificada e con consignacións orzamentarias, está paralizada polo Goberno de Sánchez que cada vez prevé menos fondos nos Presupostos do Estado e nin sequera chega a gastalos”.
Sobre a variante de Viveiro, o popular aclara que “non está feita porque o PSOE e o BNG a bloquean dende o Concello. Tiveron oito propostas enriba da mesa, pero non lles valeu ningunha. Incluso fai un par de anos déuselles outra alternativa para a ponte, pero non se pronunciaron e agora din que a recollen no PXOM”. A este respecto, puntualiza, ademais, que “o deixou listo fai 20 anos un goberno do PP e que neste tempo socialistas e nacionalistas non foron capaces de aprobar definitivamente”.
Quen foi portavoz de infraestruturas na última lexislatura denuncia tamén que “a liña de FEVE na Mariña non recuperou as frecuencias que tiña antes da pandemia, perde servizos e tampouco está electrificada”. E, ademais, “constitúe un claro exemplo da discriminación do Goberno de Sánchez a Galicia: en Ribadeo se sacamos ticket para Ferrol ou Xixón temos que pagar, pero a 10 km, en Vegadeo, sacar ticket para Ferrol ou Gijón sae gratis. Isto débese a que “o Goberno negociou con Cantabria e Asturias servizo gratuíto como compensación polo erro dos trens que non caben polos túneles e que suporá o atraso da súa entrega. En Galicia, a pesar de ser a mesma liña, si temos que pagar”.
En relación ás depuradoras de Foz e Burela, o popular lembra que “o Goberno galego ten consignado 5,5 M€ para a primeira e 2,5 M€ para a segunda nos orzamentos para 2024”. Polo tanto, “a Xunta está en potestade de poder levar adiante as obras, pero non se poden levar a cabo neste momento porque están freadas por Costas, que depende do Goberno de España. Nun caso aínda non están as informes e noutro son desfavorables”, engade Balseiro.