A vicepresidenta segunda en funcións denuncia que Galicia acumula dous anos de retraso nas transferencias dos fondos por parte do Goberno central para atallar e compensar os prexuízos causados pola especie
A Pastoriza, 6 de abril de 2024. A Xunta concedeu o ano pasado máis de 713.000 euros en achegas para compensar ao sector agrogandeiro e paliar os danos causados polo lobo entre o 1 de outubro de 2022 e o 30 de setembro de 2023.
A vicepresidenta segunda en funcións e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, visitou hoxe unha explotación gandeira no concello da Pastoriza, onde detallou que 17 delas foron por importe de máis de 3.000 euros, sumando algo máis de 68.600 euros. A estas, recollidas na resolución das axudas publicada esta semana polo Diario Oficial de Galicia (DOG), engádense outras 1.131 achegas por importe inferior aos 3.000 euros que supuxeron un investimento total de algo máis de 644.000 euros.
Precisamente, a provincia de Lugo foi a que máis axudas recibiu e, por tanto, a que máis danos rexistrou polo lobo, cun total de 625 expedientes aprobados e un orzamento de máis de 384.000 euros. A provincia de Ourense contabilizou 277 achegas (por importe de preto de 150.000 euros), a da Coruña 204 (máis de 157.000 euros) e a de Pontevedra 42, con algo máis de 21.500 euros concedidos.
Neste sentido, a responsable autonómica subliñou que, para darlle continuidade a estes apoios, a Xunta realizou a mediados de xaneiro a convocatoria para este ano co obxectivo de compensar aos propietarios de gando que sufran ataques do lobo nas súas explotacións entre o 1 de outubro de 2023 e o 30 de setembro de 2024 e que comuniquen eses incidentes no teléfono 012.
Con carácter xeral, as contías das axudas varían en función das especies afectadas e da súa idade, oscilando entre o 37,7 euros dun exemplar de gando ovino/cabrún adulto de seis anos ou máis e os 2.598,7 euros dunha res bovina de raza autóctona de entre dous e seis anos. En todo caso, estes importes calcúlanse en base ao baremo establecido na propia orde, podendo incrementarse nun 10% no caso daquelas explotacións nas que se teña comprobada a aplicación de medidas preventivas de xeito favorable.
Os apoios tamén inclúen a posibilidade de sufragar os gastos veterinarios das reses que resulten feridas, os gastos de eutanasia acreditados -de ser necesaria esta medida- e os abortos que sufran as reses como consecuencia do acto de depredación.
A convocatoria tamén inclúe un importe adicional en concepto de lucro cesante para o gando bovino e ovino-cabrún reprodutor de carne e leite (femias) que oscilará entre os 9,1 euros (no caso dunha cabra femia adulta de entre 1 e 6 anos) e os 1.803,1 euros para as vacas de entre dous e seis anos.
Outros apoios
A vicepresidenta segunda en funcións lembrou que, a maiores destas achegas, a Xunta tamén puxo este ano a disposición do sector agrogandeiro máis de 1,9 millóns de euros en axudas para adoptar medidas coas que previr os danos do lobo.
Entres elas están a adquisición de cans protectores e defensores do gando, pastores eléctricos así como cercados móbiles, cun orzamento dun millón de euros; a adquisición e instalación de valados fixos (500.000 euros) ou a contratación de persoas coidadoras de gando extensivo (algo máis de 400.000 euros). Estas medidas de prevención son fundamentais para compatibilizar a gandería -ao contribuír á protección das reses- coa presenza e conservación do lobo na comunidade.
Neste sentido, Ángeles Vázquez denunciou que Galicia acumula dous anos de retraso na transferencia de fondos por parte do Goberno central para previr e compensar os danos causados polo lobo, co conseguinte agravio para o sector gandeiro galego afectado. Os fondos de 2023 aínda non foron repartidos malia que xa estamos no segundo trimestre de 2024 e os de 2022 -ano no que o Executivo central excluíu á comunidade do reparto entre as autonomías- dependen do recurso contencioso-administrativo presentado pola Xunta contra a decisión do Goberno central de bloquear eses fondos de xeito unilateral e totalmente arbitrario.
Visita explotación
Ángeles Vázquez visitou no concello da Pastoriza a Ganadería Amoras, unha explotación que o ano pasado recibiu unha axuda de máis de 4.100 euros polos danos causados polo lobo a unha das súas reses. As súas instalacións están especializadas na produción de leite en semiextensivo, para o que conta con 120 vacas de distintas razas como frisonas, roxas, danesa e outras resultado de cruces.
Esta explotación tamén se beneficiou en exercicios anteriores de convocatorias de achegas para a adopción de medidas de prevención coas que evitar os danos do lobo, como a instalación de pastores eléctricos.