JuntsxCat pechou este domingo 27-Ou o seu congreso, non por casualidade sete anos despois da votación no Parlament que proclamou unilateralmente unha independencia que ficou no ámbito da mera declaración. Unha declaración coetânea á aprobación dun insólito 155 polo Senado, cos votos do PP e do PSOE, que dun xeito desaquelado disolveu a Cámara catalá, cesou o seu Govern e encetou un ciclo represivo que continuou o 30-Ou cunha querela criminal da Fiscalía Xeral do Estado que moi poucos días despois levaría ao cárcere, con carácter preventivo, a boa parte daquel goberno (o vicepresidente Junqueras, os consellers Turull, Rull e Forn, a consellera Bassa e máis a presidenta do Parlament Carme Forcadell), mentres o presidente Puigdemont, os conselleiros Comín e Puig e a conselleira Ponsatí safaban por se ter exiliado antes de se decidir o seu prendemento.
Este introito nos fai entender como este congreso, malia decidirse unha liña anovada que vai tentar a independencia pasando polo previo afortalamento do poder local e autonómico dende a centralidade e a transversalidade, non se pode entender sen a existencia dun proceso que converxe no plebiscito do 1-Ou de 2017 e na votación parlamentaria do 27-Ou. E tampouco se pode entender sen a represión, Sen ese cárcere sufrido polo reelixido secretario xeral do partido, Jordi Turull ou o actual president do Parlament, Josep Rull. Ou ese exilio de sete anos xa que sofren o eleito presidente do partido, Carles Puigdemont e o seu eurodeputado, Toni Comin, aos que o Tribunal Supremo rexeita aplicar a amnistía dende unha interpretación xurídicamente inaceptábel do delicto de malversación. Tampouco sen a grave condena de cárcere e inhabilitación que o Tribunal Superior de Catalunya pronunciou contra a anterior presidenta do partido, Laura Borràs (dende o domingo presidenta da fundación juntaire Catdem), por un suposto fraccionamento de contratos públicos que tampouco aturaría unha análise xurídico-penal acaída.
Distintos observadores presentes neste congreso coinciden en salientar i) que o liderado de Puigdemont é claro, comunmente aceptado e serve de elemento de cohesión a unha organización plural e transversal, ii) que a moral de vitoria, malia estar ausente dos principais gobernos locais e do goberno nacional catalán, é elevada, fronte á implosión de ERC e as CUP e iii) que Puigdemont e unha moi grande maioría d@s juntaires optaron por unha organización militante, dirixida á executividade e á operatividade. As candidaturas aos órganos de dirección desbotaron, neste senso, as listaxes abertas.
Mais este superior grao de cohesión non arrombou a pluralidade que é esencial a esta forza catalanista e que mesmo se potencia agora. Por unha banda, inserindo no conxunto organizativo importantes forzas municipalistas (Impulsem Lleida, Impulsem Penedès, JuntsxIgualada ou JuntsMartorell) co obxectivo de ser primeira forza en poder local despois das vindeiras municipais de 2027. Por outra banda combinando a integración do espazo humanista e personalista dos Demòcrates de Catalunya de Antoni Castellà, sucesores da UDC fundada por Carrasco Formiguera no 1931, coa continuidade dos tres sectores recoñecidos (de esquerdas, liberal e socialdemócrata) que teñen acceso directo á Executiva. Este pluralismo ideolóxico determinou unha transacción que impediu a proposta de derrogación dos impostos de sucesións e patrimonio.
Alén deste carácter militante e operativo, desta organización baixo un liderado e unha dirección fortes e definidores e desta pluralidade transversal na percura da centralidade, de ser o core ou o pal de paller do país, Puigdemont enunciou a necesidade de que Junts compita directamente co goberno do PSC de Illa e tente construír pontes e estruturas de sociedade civil comúns con ERC, probábelmente ben certo que a competitividade entre nacionalistas fíxolle moito dano ao soberanismo e que existen ducias de milleiros de votantes e simpatizantes de ERC que poden transitar ao voto e á simpatía juntaire.
Sen dúbida JuntsxCat, dramáticamente ausente do Govern da Generalitat e do poder local das Deputacións todas e dos principais gobernos locais do país mediterráneo, ha transitar un longo camiño até a reconquista destes poderes local e autonómico. Haberá demostrar que ten solucións acaídas para os principais problemas de Catalunya, entre eles a coexistencia entre a inmigración e a integración social entre cataláns de orixe e de residencia. E haberá saber usar das ferramentas institucionais, mais sen esquecer o obxectivo que lle da sentido á súa existencia e ao liderado de Carles Puigdemont, que non é outro que o recoñecemento do dereito a decidir da cidadanía catalá e a posibilidade de exercelo libremente. Illa xa ten enfronte unha proposta que semella competitiva.


















A iniciativa xurdiu co obxectivo de xuntar o alumnado que coincidira na EGB, pero axiña se ampliou a todas aquelas persoas que compartiron pupitres e amizades tamén no instituto.
O público, totalmente entregado de principio a fin, amosouno cos intensos e prolongados aplausos que acompañaron toda a actuación. Ao remate, os asistentes expresaron o seu desexo de poder gozar no futuro de novos concertos do artista, que sen dúbida volverán entusiasmar ao público.
Villares subliñou o éxito de convocatoria do evento, que reúne cada ano a numerosos participantes e afeccionados en Ribadeo, “aproveitando o atractivo da ría e do seu porto deportivo para atraer visitantes e complementar co deporte a súa ampla oferta de natureza, patrimonio e gastronomía”. A presente edición estivo dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, con motivo do centenario do nacemento do que fora presidente do Goberno e alcalde honorario do municipio. Ademais das regatas de vela en distintas categorías, celebráronse bautizos de buceo, charlas ou un concurso de pesca, entre outras actividades.
Na xuntanza preténdese analizar a execución das obras, o comportamento da empresa responsable, a problemática dos accesos durante as Festas de Xunqueira e solicitar ao Concello de Viveiro que faga público o proxecto definitivo.
A marcha partirá ás 12:30 horas diante do Concello, percorrerá as rúas peonís do centro e rematará novamente na casa consistorial, onde se lerá un manifesto. A plataforma chama a mobilizarse cunha mensaxe clara: cada bomba destrúe vidas e cada silencio convértenos en cómplices. Defenden que é o momento de saír á rúa para esixir o fin da violencia, o respecto aos dereitos humanos e a liberdade do pobo palestino, lembrando que a presenza das persoas manifestantes é a voz de quen hoxe non pode falar. A convocatoria péchase cun triplo chamamento: non á guerra, non ao silencio e non á indiferenza.
Estiveron acompañados polas dúas técnicas de Xuventude, para gozar dunha mañá nas distintas actividades que ofrece este parque de trampolíns. Pola tarde, o grupo parou a xantar no Lago das Pontes, onde puido coñecer a historia da súa creación e desfrutar dun baño. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán a Tope en Xove 2026”.
Evaristo Calvo, Rebeca Montero e Vítor Mosqueira interpretaron o pasaxe que recrea os últimos momentos do Mariscal Pardo de Cela e da súa muller, Isabel de Castro, antes da traizón da Frouseira. A acción cultural, coordinada por Carme Varela e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, rende homenaxe ao gran dramaturgo do Valadouro no seu primeiro cabodano. 



