Nunha moi recente comparecencia perante o Congreso o ministro responsábel da mobilidade, Óscar Puente, recoñeceu o gravísimo agravio comparativo de que os galegos teñamos a nosa rúa maior, a AP-9, de máis de 200 kms. de lonxitude, suxeita a peaxe, mentres noutros territorios (na súa Castela ou na Andalucía) empresas e persoas consumidoras transpórtanse por autovias libres de portaxe. Puente denunciou, con razón, que a situación actual xurdiu das malfadadas medidas dun goberno do PP ( o segundo goberno do aznarato) que, entre 2000 e 2003, primeiro alongou 25 anos a vixencia da concesión (de agosto 2023 a agosto 2048) e logo privatizou a autoestrada, xusto despois de recibir semellante revalorización polo agasallo do propio Goberno do Estado .
Onde o ministro amosou a febleza dos seus argumentos foi na xustificación da improcedencia da transferencia. A AP-9, miñas donas e meus señores, segundo o Goberno do Estado e Vox, ha seguir a ser estatal. Segundo o ministro Puente (xa desbotada a desaquelada tese de que conecta Portugal co Estado, cando remata a case 5 km da fronteira miñota) a razón é que conecta os cinco portos galegos (Ferrol-San Cibrao, A Coruña, Vilagarcía, Marín e Vigo) e os tres aeroportos galegos (Alvedro, o compostelán Rosalía de Castro e Peinador) de interese xeral. O centralismo españolista sempre é tautolóxico, ao tempo que caloteiro.. Velaí a necesidade de afirmarmos na transferencia ou delegación, tanto da AP-9, como dos portos e aeroportos de interese xeral. Doutro xeito non seremos quen a planificarmos un desenvolvemento moderno, potente e sostíbel deste país.
Coordinada coa tese do ministro Puente e do presidente Sánchez Pérez-Castejón, a maioría PSOE-Sumar da mesa do congreso está a adiar, indefinida e trampulleiramente, o debate da proposición de lei de transferencia da AP-9 ao Poder Galego, proposta pola unanimidade do noso Parlamento. Mais disque Sumar recoñece a plurinacionalidade do Estado. Hai cousas que non llelas dou entendido.
Mentres, o mesmo Ministro e Goberno teiman en latricar que primeiro (2030) ha ir o camiño de ferro da alta velocidade Lisboa-Madrid e despois o Lisboa-Vigo (2032, supostamente), malia coñecer a definitiva decisión do Goberno portugués, tanto o actual de centro-dereita como o anterior socialista, de priorizar o eixo atántico ferroviario galego-portugués, que haberá vertebrar un espazo de dez millóns de persoas dende Sétubal até Ferrolterra que constitúe, logo do eixo mediterráneo, a meirande concentración de actividade económica e poboación da península ibérica, ben albiscábel dende o satélite.
Por certo, se alguén pensa que co PP van mellorar estas cousas que se esqueza. Estamos aquí xusto pola súas malfadadas decisións, que atenden aos intereses dos lobbies españois do estadio Bernabeu tanto ou máis ca o PSOE.
Por nós só podemos mirar nós.



















O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.
Pasadas as 13:30 horas deste luns, o 112 Galicia tivo constancia, a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dun ciclista que se atopaba en parada cardiorrespiratoria no quilómetro 1 da LU-151, á altura da parroquia de Fazouro. De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local de Foz. Malia os esforzos, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento da persoa.
A variada oferta de produtos de artesanía e de alimentación de temporada e proximidade á venda complementouse con degustacións de minihamburguesas de carne de raza Limiá e empanada de carne de porco celta e tenreira de raza Caldelá, que se repartiron gratuitamente entre as peroas que fixeron algunha compra no Mercadiño.
Os cortes produciranse do punto quilométrico 2,800 ao final da vía. Habilitaranse desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.



