A vindeira semana a XX Feira Expomar volverá convertir o porto de Burela no auténtico punto de referencia do mundo do mar do 7 ao 10 de maio
Burela, 30 de abril, 2025. Expomar cumpre este ano a súa 20 edición abríndose especialmente a novos sectores, como o turismo pesqueiro e as novas tecnoloxías, e onde a oferta gastronómica tamén gaña protagonismo dentro do seu programa de actividades.
Precisamente o sábado 10 de maio ao mediodía a feira acollerá o espectacular ronqueo dun gran exemplar de peixe espada de máis de 100 quilos de peso patrocinado por Interfish-España, que participará en Expomar 2025 da man da Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela, un dos socios desta interprofesional pesqueira que comparte o compromiso de promover iniciativas encamiñadas a concienciar sobre unha pesca sostible e saudable.
Interfish-España ofrecerá en Burela a mesma posta en escena que nas últimas edicións de Conxemar en Vigo e do Salón Gourmets en Madrid, realizado coa asistencia dos expertos da empresa Matrice Tuna, que explicarán a arte do ‘ronqueo’ cunha técnica que combina a destreza, o respecto polo produto e o compromiso coa sustentabilidade.
A continuación, ofrecerase unha degustación de receitas de peixe espada a cargo da OPP Porto de Burela, que é unha das entidades que forman Interfish, única interprofesional pesqueira que existe en España na que participan empresas da comercialización, a industria e a produción pesqueira para a representación e defensa das especies do palangre de superficie como a quenlla, o marraxo e o peixe espada.