A persoa gañadora obterá como premio a participación sen custe no Rally San Froilán 2025
Lugo, 29 de maio de 2025. A Vicepresidencia da Deputación impulsa un ano máis o Volante Deputación, un programa formativo e deportivo que ofrece a pilotos noveis a oportunidade de iniciarse na competición automobilística.
O circuíto da Pastoriza acollerá os días 21 e 22 de xuño este programa que mantén o formato das edicións anteriores, cunha parte formativa na que as persoas participantes reciben un curso de condución para igualar e equilibrar os coñecementos entre uns e outros, e outra puramente competitiva, cunha proba cronometrada da que sae o gañadora ou gañadora.
A persoa gañadora obterá como premio a participación gratuíta no Rally San Froilán 2025, como piloto titular dentro da estrutura do equipo de competición PTC.
O vicepresidente Efrén Castro valorou “a posibilidade que o Volante Deputación ofrece a pilotos noveis para formarse e entrar en contacto coa competición de forma gratuíta, alimentando desde a base a afección ao automobilismo que ten moito arraigo nas distintas comarcas. Vemos, nas distintas carreiras que se celebran ao longo do ano, que moitas das persoas que gañaron o Volante Deputación seguen participando nos rallys, o que constata tamén que hai un interese e un aproveitamento desa experiencia”, engadiu.
O Volante Deputación é un dos piares da rede de apoio da Vicepresidencia da Deputación a este deporte. Engádese unha convocatoria anual de axudas para pilotos de rally cunha dotación de 45.000 euros e a colaboración nas carreiras que se disputan nas distintas comarcas.
Inscricións do 5 ao 19 de xuño
O prazo para enviar os formularios de inscrición abrirá o mercores 5 de xuño ás 9:30 horas e rematará o 19 de xuño ás 12.00 horas. As solicitudes, que estarán dispoñibles na web de PTC Escuela, deberán enviarse ao enderezo electrónico piloto@ptcescuela.com.
As bases da convocatoria establecen como requisitos de particpación:
– Ter entre 18 e 35 anos na data de celebración da selección (21 e 22 de xuño de 2025).
– Estar empadroado/a en calquera dos municipios da provincia de Lugo, con anterioridade ao 30 de xuño de 2024
– Non ter quedado como piloto (condutor/condutora) entre os 5 primeiros postos de calquera trofeo, copa ou campionato de ámbito nacional ou rexional de calquera disciplina automobilística, con excepción do karting, nos últimos 8 anos (2018-2025 ámbolos dous incluídos).
– Non ter quedado como piloto (condutor/condutora) entre os 5 primeiros postos da xeral na clasificación final de calquera evento ou proba de ámbito nacional ou rexional de calquera disciplina automobilística, con excepción do karting, nos últimos 8 anos (2018‐2025, ámbolos dous incluídos).
– Non ter gañado ningunha edición do denominado “Volante Deputación” ou outra selección de pilotos celebrada nos últimos 13 anos. (2012‐2024, ámbolos dous incluídos)
-Estar en posesión do permiso de conducir nas que sexa imprescindible telo (formación de competición, adestramento e rallie)
– Reunir, na data de celebración do Rally San Froilán do ano 2025, tódolos requisitos esixidos pola Federación Galega de Automobilismo para obter a Licenza de Piloto segundo a normativa para a expedición de licencias no ano en curso.
A inscrición farase por orde de recepción do corre electrónico coa documentación solicitada (modelo de solicitude de participación, fotocopia do DI e certificado de empadroamento, ate cubrir as 160 prazas dispoñibles.