O PP lucense “esixe ao Goberno de Sánchez que explique con transparencia á cidadanía e ás empresas sobre as razóns do apagamento á vista das súas consecuencias para a factoría que xera arredor de 1.000 empregos -directos e indirectos- na Mariña”
Xove, 15 de maio de 2025. O PP lucense reclama ao Goberno de Sánchez “garantir a estabilidade na enerxía” porque “é o único xeito de ofrecer fiabilidade á industria”. Representantes do Partido Popular da provincia subliñaron que “a incapacidade do Goberno de España para dar estabilidade á conexión eléctrica afecta, especialmente, á industria electrointensiva” como é a planta de Alcoa na Mariña.
Os populares amosan a súa preocupación ante o anuncio da interrupción do rearranque das cubas de aluminio ata coñecer as causas do apagamento e que o Goberno garanta o subministro eléctrico.
Nese sentido, comparecendo en rolda de prensa, insistiron en que “levamos moito tempo advertindo que é imprescindible que o Goberno de España favoreza un marco enerxético estable” para garantir a actividade de Alcoa e, polo tanto, “manter os postos de traballo”.
“O maior problema da industria en España -e máis aínda no caso da electrointensiva- é a rede de transporte eléctrico”, apuntaron. Nese sentido, consideran que “hai que investir e facer planificacións máis rápidas e que se adapten á electrificación que está levando a cabo a industria”.
“O Goberno central non está cumprindo nin sequera os obxectivos de investimento en redes que están no Plan Nacional de Energía y Clima (PNIEC)”, explicaron e advirten que “o aumento de xeración renovable debe ir acompasado co reforzo da rede, e cun apoio de sistemas de almacenamento”.
Tamén defenderon os populares que a estabilidade da rede eléctrica é clave para manter e atraer novas inversións. “É un grave perigo para a estabilidade dos investimentos e o emprego en España que os empresarios non nos vexan como un país fiable porque non podemos ofrecer o esencial: estabilidade na enerxía”.
Así, inciden en “esixir ao Goberno de Sánchez que explique con transparencia á cidadanía e ás empresas sobre as razóns do apagamento á vista das súas consecuencias para a factoría que xera arredor de 1.000 empregos -directos e indirectos- na Mariña.
Unha boa parte das 41 cubas que estaban en funcionamento o pasado 28 de febreiro sufriu as consecuencias da falta de enerxía durante máis de 8 horas; xa que se solidificou o metal que contiñan. Os empregados lograron salvar 14 polo que “dende o PP de Lugo nos sumamos ao recoñecemento á súa profesionalidade e dedicación”.