Os populares explican que moitas nais e pais se lamentaron ante a “nula sensibilidade e preocupación” do goberno local por manter en boas condicións os elementos de xogo dos nenos e os aparatos de exercicio dos maiores, como ocorre na zona infantil que hai ao carón da escola infantil
Barreiros, 2 de maio de 2025. Os concelleiros do PP de Barreiros critican o “deixamento e falta de preocupación” do goberno local de Barreiros co mantemento das propiedades municipais “concretamente coas zonas de xogo infantís e biosaudables, moi deterioradas”.
O voceiro do PP de Barreiros, José Manuel Gómez Puente, explica que nais e pais do municipio lamentaron o abandono que sofren os parques infantís “con numerosas deficiencias que seguen sen corrixirse”.
Especialmente curioso é o estado destas zonas de ocio nas proximidades da escola infantil do municipio. O chan acolchado das zonas de recreo para nenos e maiores presenta numerosas fendas, ademais de numerosas herbas, nas que “é doado meter un pé e facerse dano” polo que o goberno local debería de realizar “o seu cambio inmediato”.
“É urxente corrixir todas as deficiencias desta zona de xogo para evitar que os pequenos se poidan facer dano e facilitar que se divirtan”, explicou, unha situación que non se acometeu aínda por parte do goberno local “a pesar de que hai dous meses que os nais e pais comunicaron á alcaldesa a necesidade de arranxar esta zona de xogo”.
Ademais, José Manuel Gómez Puente sinala que é necesario limpar a fonte ornamenta que hai na zona “completamente chea de sucidade e de verdín” o que está a trasladar unha imaxe “de abandono e falta de preocupación, unha imaxe moi mala”.