Lara Méndez alerta de que o Hospital Comarcal da Mariña atópase en “situación crítica” e reclama “autonomía e capacidade de decisión” para “atender ben aos veciños e veciñas”
Burela, 28 de maio de 2025. A secretaria de Organización do PSdeG e viceportavoz 2ª do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia anunciou unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que recupere a Área Sanitaria da Mariña. Esixiu autonomía de xestión e capacidade de decisión como única vía para resolver a “situación crítica” do Hospital Comarcal e recuperar unha atención sanitaria de calidade e en igualdade de condicións.
Méndez fixo estas declaracións logo de levar á dirección socialista ata Burela dentro da ruta polos centros de saúde de Galicia que están a vivir unha situación semellante pola falla de recursos do goberno galego. A responsable socialista acompañou aos profesionais sanitarios, cidadáns, alcaldes e portavoces municipais do PSdeG que acoden de forma periódica á protesta convocada fronte ao centro sanitario para reclamar unha sanidade pública digna para A Mariña
Méndez mantivo un encontro coa Xunta de Persoal, á que lle anunciou a ofensiva parlamentaria que preparan dos socialistas galegos para esixirlle ao goberno galego que teña en conta a situación de “asfixia” á que ten sometido a un centro que atende a máis de 70.000 habitantes, que se multiplican nas datas do verán. Méndez trasladou o apoio do PSdeG aos profesionais sanitarios que “simplemente queren realizar ben o seu traballo e atender ben á poboación”.
Salientou que a falla de recursos provocada pola xestión do PP nos últimos 16 anos derivou en “consultas que se eternizan” e esperas de que superan os 10 meses en Cardioloxía ou o ano en Medicina Interna, en boa medida provocada pola falla de facultativos. Resumiu que apenas 3 internistas ou 1 urólogo “non son capaces de atender á demanda que necesita esta comarca, máxime cun Hospital que apenas conta con “escasas 100 camas” para toda a comarca.
Méndez estivo acompañada pola alcaldesa de Burela, Carmela López, que lle esixiu ao goberno galego que “tomen isto en serio”. Subliñou a necesidade urxente dunha área sanitaria propia para atender a unha poboación que no verán supera as 100.000 persoas, con localidades nas que se chega a duplicar os seus habitantes que requiren dunha sanidade pública en condicións.
O encontro contou coa participación do secretario de Sanidade da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, os alcaldes de Ourol e Xermade -José Luis Pajón e Roberto García-, así como representantes do PSdeG nos concellos da comarca.