Daniel García: “apoiamos un modelo produtivo que fixa poboación no territorio e que actúa como barreira eficaz contra os lumes”
Lugo,1 de setembro de 2025. A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia a convocatoria de axudas á gandería extensiva “O que non arde”, que poderán solicitarse do 2 ao 29 de setembro. O programa, que conta cun orzamento de 385.000 euros -o triplo que na última edición-, diríxense a ganderías de gando cabalar, ovino, cabrún e porcino, que poderán solicitar axudas para financiar investimentos e gastos relacionados co manexo e a alimentación do gando en extensivo.
Concretamente, contempláse a subvención da compra de pastores eléctricos e accesorios para o seu funcionamento como baterías ou placas fotovoltaicas, a compra e o mantemento de valados móbiles de malla electrificada, de valados fixos electrificados, de colares intelixentes para a monitorización da actividade animal, de refuxios, de pasos canadenses e doutros elementos para silvopastoreo como cepos, curros, mangas, comedeiros e bebedeiros ou pasos canadenses. Ademais, as ganderías poderán financiar gastos complementarios como rozas puntuais para a instalación de sistemas de protección ou a suscrición a aplicacións de monitarización intelixente.
As axudas, en réxime de concorrencia competitiva, poderán chegar a un máximo de 6.000 euros ou 12.000, no caso de solicitudes que inclúan pasos canadenses ou colares intelixentes. Na valoración das solicitudes aplicaranse os criterios establecidos nas bases, que priman o silvopastoreo con animais de razas autóctonas, a condición de explotación prioritaria no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (REGA), a ubicación dalgunha das parcelas nas que se desenvolve a actividade en zona de montaña, a pertenza a asociacións de produtores gandeiros ou a titularidade feminina das ganderías, entre outros criterios
O deputado de Rural Daniel García explicou que “seguimos reforzando un programa que se puxo en marcha en 2020 para contribuír ao aproveitamento e á xestión integral do monte e que se consolidou nestes anos como un instrumento de apoio á gandería extensiva, un modelo produtivo que fixa poboación no territorio, que conserva o medio natural e que, como se demostrou unha vez máis na tráxica vaga de incendios deste verán, actúa como barreira eficaz contra os lumes”
O responsable provincial detallou que “o programa foi incorporando medidas demandadas por ganderías e por colectivos e profesionais que traballan no rural, tratando de proporcionar un apoio efectivo e real a quen están día a día no territorio”. Nesa liña, explicou que “a ampliación de orzamento permite abrir a convocatoria ás ganderías de cabalar, animais moi eficaces na redución de biomasa, e colaborar no financiamento de elementos custosos como os colares intelixentes, que utilizan a tecnoloxía para facilitar o control do gando no monte”
As bases da convocatoria e os modelos de solicitude están dispoñibles na web da Deputación de Lugo, no apartado Medio Rural>Subvencións Concorrencia Competitiva>O que non arde.
Nova edición dun programa pioneiro
A área de Rural puxo en marcha o programa “O que non arde´” en 2020, cunha primeira edición centrada na xestión do monte, na que se financiou a roza e limpeza das faixas laterais da rede viaria municipal, así como para o mantemento da rede de faixas de xestión de biomasa coa plantación de especies arbóreas autóctonas.
En 2021, a convocatoria orientouse ao fomento do pastoreo preventivo por parte das comunidades de montes veciñais en man común, implicando a comuneiros e comuneiras no mantemento e limpeza das faixas de protección contra os lumes. Beneficiáronse da convocatoria 18 comuneiros a título particular e 7 CMVMC, de Castroverde, Sarria, Ourol, Abadín, Friol, Mondoñedo, Viveiro.
Nas tres últimas edicións, 2022,2023 e 2024, as axudas orientáronse a gandería de cabrún, ovino e porcino, apoiando o desenvolvemento desta actividade con financiamento para investimentos necesarios para o manexo do gando en extensivo. Concedéronse 80 axudas a ganderías das distintas comarcas.
Tendo en conta a contía orzamentada para a convocatoria deste ano, a área de Rural suma un total de 745.000 euros destinados ao programa “O que non arde”, que conta con recoñecemento de diferentes entidades e foros estatais -WWF Adena ou Territorios Pastoreados- como iniciativa institucional de apoio á gandería extensiva





















Xunto coa alcaldesa e a concelleira de Infancia, confirmouse tamén a renovación, por terceiro ano, da colaboración co Grupo Entrepinares, que patrocinará estas xornadas e apoiará actividades do Samaín e do Nadal. As dúas xornadas incluirán actividades gratuítas en horario de mañá e tarde, con inchables, xogos, propostas acuáticas e catro funcións do espectáculo do Mago Antón. Entrepinares ofrecerá ademais merendas gratuítas para todos os nenos e nenas. O Concello destaca que esta alianza permite reforzar unha programación infantil de referencia e ampliar as propostas de lecer para as familias ao longo do ano.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
Xa se poden ver auténticas "artistadas", todas coas serea como protagonista, enchendo o ambiente desa creatividade tan propia da celebración.
O corte estará vixente entre as 00:00 e as 05:00 horas da madrugada do venres 7 ao sábado 8 de agosto, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas asistentes e o correcto desenvolvemento do evento, que terá lugar nos Xardíns Noriega Varela. Desde o Concello de Viveiro solicítase a colaboración da veciñanza e das persoas condutoras, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e utilizar itinerarios alternativos durante o tempo que permaneza vixente esta restrición.
Os deslizadores acuáticos enchen de diversión a praia dos Bloques. Onte, martes, estiveron operativos pola tarde e hoxe, mañá e o venres estarán dispoñibles de 11:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:30 horas. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, anima á rapazada “a achegarse á praia dos Bloques a gozar das actividades de verán que deseñamos desde o Concello. Hóuboas para todos os gustos e idades tanto na pista multideporte como na praia dos Bloques. Agardamos que disfruten estes días cos deslizadores acuáticos, xogando e pasando un mes de agosto o máis divertido posible”.
A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.



