Burela, 21 maio de 2025. Este mércores, traballadoras/es da sanidade e usuarios/as volveron mobilizarse no Hospital da Mariña logo da confiscación no día de onte da faixa artística, cunha pancarta negra que metaforicamente quere explicar que quen dirixe a nosa sanidade quere “negar a evidencia” e “invisibilizar” a situación crítica da sanidade da Mariña.
Desde hai xa moitas semanas, persoal e pacientes do Hospital da Mariña, en Burela, maniféstanse contra a falta de persoal e medios no centro e a conseguinte derivación de doentes a Lugo. Advirten da marcha de profesionais polas condicións de traballo “que non permiten unha axeitada atención” e mais pola inestabilidade laboral que provocan “contratos lixo”.
As mobilizacións reclaman, ademais, a mellora da sanidade pública en toda a comarca da Mariña e sinalan o SERGAS pola “infradotación” de varias categorías profesionais ou por casos concretos como a falta de técnicas auxiliares de Enfermaría no servizo de partos, de creación de prazas de técnicos e técnicas de Farmacia ou de persoal de fisioterapia en varios centros de saúde malia “existiren profesionais nas listas de contratación”.
Entre os carteis que o persoal e os pacientes luciron na mobilización deste martes puideron volver lerse mensaxes como “humanizar non é trasladar”, “derivar é maltratar”, “responsables dimisión” ou “a asistencia sanitaria non está garantida”. Ademais, volveron reclamar “área sanitaria propia”, ao entender que a supresión da da Mariña é parte principal dos problemas que agora denuncian.
Retirada dunha faixa artística
A obra, “metáfora da vulnerabilidade dos e das pacientes ante as demoras e falta de coidados”, foi pendurada onte pola mañá na varanda do hospital.
A equipa directiva do Hospital ordenou confiscar a pancarta artística que penduraran na varanda no edificio “Polo coidados das persoas doentes da Mariña”. Unha medida que definiron “como un acto de represión e de censura sen precedentes ” e aseguraron que a día de hoxe seguen “sen ter comunicación oficial por parte da Dirección do motivo e de onde se atopa a obra artística”.
Anuncian que continuarán con respostas contundentes contra unha decisión que consideran unha forma de “represión” dunha protesta lexítima que combina arte e denuncia. “A represión non calará as protestas de doentes e profesionais na defensa dunha sanidade pública digna e de proximidade, dende A Mariña e para A Mariña”.