A programación esténdese dende o 23 de maio ao 3 de xuño cunha programación variada que inclúe misa, procesións, música e actividades infantís
Burela, 16 de maio de 2025. Esta mañá presentouse oficialmente o cartel e o programa das Festas Patronais de Burela, que se celebrarán do 23 de maio ao 3 de xuño.
O programa comeza o venres 23 de maio ás 21 horas coa misa e procesión en honor á Virxe do Carme, acompañada pola agrupación musical tradicional S.C.R. Ledicia. Durante os días seguintes haberá actividades como o pregón a cargo de Ana Fernández Moreiras, actuacións musicais, festa infantil con inchables, karaokes infantís e para adultos, e verbena nocturna.
Destaca a procesión marítima do domingo 1 de xuño, na que participarán a agrupación musical Santo Inocencio de Burela e a banda OJE Nosa Señora do Nordés de Ferrol. O sábado 31 de maio celebrarase a Alfombra Floral con diversas actividades ao longo da xornada.
A alcaldesa de Burela, Carmela López, comentou que “detrás deste cartel e deste libriño hai ilusión, hai traballo e hai unión”. Quixo agradecer “profundamente” á Comisión de Festas, ás asociacións, ao tecido comercial e a “todas as persoas que fan isto posible”, rematou.
Pola súa parte, Patricia Eijo, concelleira de Festas e Festexos, tamén quixo expresar o seu agradecemento “a todas as persoas que fan posible que se leven a cabo as nosas festas patronais”. Destacando a súa “dedicacion, ilusión e o seu traballo, moitas veces invisible, polo que desfrutaremos dunhos días cheos de alegría e tradición”. Remataba afirmando que cada actividade, concerto, procesión ou encontro “será un éxito”.
O programa completo está dispoñible no libriño oficial e detalla todas as actividades diarias en espazos como a igrexa, o auditorio, a praza e a explanada portuaria.