Ameijide insiste en que tanto o goberno da Deputación como o Concello de Trabada “deben de pedir escusas públicas por negar e ocultar a existencia dos problemas que cada día é máis evidente que existen e que agora confirman co cambio da persoa que dirixe a residencia”
Lugo, 6 de xuño de 2025. PSOE e BNG veñen de asinar varios decretos nos que confirman a existencia dos problemas na residencia de maiores de Trabada, xa que, por unha banda, cesaron a directora do centro e, por outra parte, nomearon a un novo responsable da residencia.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explica que con estas decisións “José Tomé confirma as denuncias públicas realizadas dende o PP”, que non son outras que “a existencia de problemas no centro, constando polo menos 10 queixas oficiais no último ano”.
O nomeamento do novo director do centro é efectivo dende o 19 de maio ata o 18 de xullo, un período de dous meses, “salvo que as necesidades organizativas que a xustifican deixen de producirse con anterioridade ao cumprimento de dito prazo”.
Ademais, o voceiro popular esixe a PSOE e BNG “que expliquen publicamente os motivos de cambiar a dirección da residencia” sobre todo “despois de que hai poucos días que afirmaron que non había ningún tipo de problema de funcionamento nin queixas nin reclamacións rexistradas”.
QUEIXAS DE USUARIOS E TRABALLADORES
Antonio Ameijide recorda que hai un mes desvelamos que, polo menos, había 10 queixas rexistradas no libro de reclamacións da residencia de Trabada o que evidenciaba que “José Tomé mentiu cando negou a existencia de calquera tipo de problema no centro”.
O popular recorda que “os responsables da residencia son o Concello e a Deputación” e “os responsables dos gobernos local e provincial deberían ser capaces de escoitar e atender as nosas reclamacións, que responden ás reclamacións dos usuarios e as súas familias, para mellorar a xestión do servizo por parte da empresa adxudicataria, porque ata o de agora foi nefasta”.
“Non buscamos ningún tipo de rédito político, o único que queremos é o mellor trato para os usuarios e que se respecten as condicións laborais das traballadoras”, afirmou.