Viveiro, 12 de xuño de 2025. O deputado provincial Daniel García e a concelleira e portavoz municipal do BNG en Viveiro Miriam Bermúdez valoraron os investimentos executados no último ano no municipio con financiamento da área de Rural, Mar e Mocidade, centrados nas parroquias rurais.
A última das intervencións atinxe ao parque da Atalaia, na parroquia de Celeiro, onde se están a realizar traballos para recuperar o uso lúdico dun espazo que levaba unha década abandonado.
A renovación inclúe a instalación de elementos de xogo e mobiliario novos, así como a instalación dun pavimento novo, adaptado á normativa de seguridade infantil, e a adecuación da beirarrúa para garantir o accesibilidade.
Daniel García e Miriam Bermúdez reivindicaron “a política de feitos e a execución de actuacións e proxectos comprometidos que guiaron a acción do BNG no goberno municipal” que destacaron “a aposta por intervencións nas zonas rurais, onde os servizos son fundamentais para manter a poboación e a actividade produtiva”.
A recuperacion do parque da Atalaia súmase a outras actuacións xa desenvolvidas, como a reparación integral da pista de Fontecova ou a ampliación da rede de saneamento ás vivendas da Igrexa, na parroquia de de Vieiro, ou a compra dun tractor desbrozadora para mellorar o servizo municipal de limpeza e mantemento de zonas rurais.