A Mariña, 10 de xuño, 2025. Ante as noticias publicadas en distintos medios de comunicación informando sobre o posible peche de Sargadelos, “un grupo de artistas, creadores, Asociacións e comerciantes da Mariña, despois de realizar unha xuntanza, decidimos emprender unha serie de accións para sensibilizar à poboación, do que representou e representa a fábrica. Pensamos, ademais, que calquera uso irresponsable da herdanza recibida, sería un duro golpe para o Patrimonio Galego, e a situación laboral presente e futura para moitas/os traballadores/as da Mariña”.
Así mesmo, “imos crear unha páxina en Facebook e Instagram co nome: Isaac, Sargadelos, onde iremos dando conta da historia de homes e mulleres que fixeron posible o sentido icónico da marca, así como sobre a figura de Isaac Díaz Pardo”.
“Promovemos un mural en Burela, para visibilizar a figura de Isaac, nomeado este ano pola Real Academia de Belas Artes, como artista do ano”.
“O resto das accións programadas irémolas dando a través das redes e deste xeito sensibilizar à poboación e a quen corresponda, o que pode supoñer a perda de actividade da fábrica sen esquecer o patrimonio artístico que atesoura”.
“Para entendermos que representa Sargadelos no presente e na memoria colectiva decidimos primeiramente, enviar este escrito que apoian os/as abaixo asinantes”.
Sargadelos, un lugar onde a historia latexa
“Os espazos, coma as persoas, precisan elementos cos que construír a súa identidade. Estamos a contemplar unha figura esmaltada en azul cobalto e a mente lévanos cara a Galicia, mentres os beizos debuxan o nome de Sargadelos. A escultura representa o violinista cego de Castelao, que interpreta o coñecido Camariñas, o himno que preserva a memoria de todas as vilas costeiras do norte galego, na interpretación posible entre outras, de Luar na Lubre”.
“O cego, coma os antigos trobadores, quere asegurarse de que a memoria non se esqueza e conservar así a lembranza do pasado. Os seus trazos fan visible unha identidade que se agocha na pel e debuxa unha pertenza inescusable. Obríganos a compartir o que temos para que non queden no esquecemento as experiencias, as vidas e o saber acumulado”.
“Coñecimos a chamada de Sargadelos nunha daqueles Experiencias de Tecnoloxía e Escola Libre, 1988 coas que Isaac Díaz Pardo enchía os veráns de entusiasmo. Pedíanos máis, sen sabermos que o que nos pedía era o mellor que gardabamos. Foron días lentos, afortunados pola paixón que todos compartiamos. Ambicionabamos coñecer a historia, saber interpretala e poñerlle nome coas nosas palabras. Nalgúns aniñaba a luz que atopaban en novas formas coas que describir a identidade; outros soubemos que a forza tíñaa o espazo e fixemos del un patrimonio colectivo que nos nutría e alimentaba”.
“Sargadelos é moito máis ca unha fábrica: é o noso centro da memoria, onde se activan e almacenan os recordos. É o Paseo dos Namorados, onde un sente o amor nas mans de quen o acompaña; é unha mirada que se enche de luz nos reflexos da presa-fervenza; son os restos da siderurxia do século XVIII que nos falan do tempo no que Galicia comezaba o camiño cara á industrialización. Uns metros máis abaixo, na valgada do río Xunco, intuímos os fornos da Real Fábrica (1806), que sentimos como propia e coa que compartimos unha afinidade sen palabras. O caolín branco de Burela dá forma ás pezas de porcelana que a avoa garda no chinero das identidades familiares; nas súas transparencias podemos interpretar o pasado. Os seus pocillos gardan os nomes dos mares da periferia do mundo, as augas nas que volveu de Arxentina Isaac Díaz Pardo. Con esa peza naceron os soños da nova cerámica de Sargadelos (1968)”.
“Algúns constrúen os recordos do pasado con batallas, poemas épicos e versos; Isaac Díaz Pardo debuxounos nas súas pezas. Nos seus debuxos e gravados está presente o mundo rural e a vida cotiá. Entendeu que a súa identidade estaba agochada nun espazo que todos esqueceran, e fixo de Sargadelos o símbolo que nós herdamos. Todos os galegos, sexa cal sexa o seu apelido, tomaron como seu este legado e fixérono propio. Os pobos que perderon a súa identidade atopan en Sargadelos unha melodía de formas e cores coas que relatar as súas vivencias e abrazos”.
“Ambicionamos que o horizonte, que o noso horizonte, nunca quede sen luz, sen aire, que nunca nos sintamos como seres abandonados e mudos. Dende o alto do cantil, a melodía do seu violín dará seguridade á nosa travesía e horizonte aberto aos nosos pasos. Cando se acheguen as ondas da Historia, seguiremos a escoitar o seu latexo”.
J. Fernández, Profesor e investigador
A relación de persoas, asociacións e empresas que figuran a continuación manifestan o seu apoio a este escrito do profesor e investigador J. Fernández para reivindicar a figura e o labor de Isaac Díaz Pardo en Sargadelos:
Lucía Vila, Mauro Leivas, Pepe Blanco, Daniel Caxigueiro, Adri Pardo, Alicia Puchades, Pedro Cabarcos, Miriam González Ruibal, Ernesto González Torterolo, Manuel Villagordo Ruiz, José Luis Neira Brochs, Ma del Cielo Fernández, Abraham Corujo Carreira, Chus Colmenero, Xerardo López, Verónica López Prieto, Ma de la Paz Quiroga, Lucas Requejo, Mar Corbelle, Aurora Ben, Juan Corral, Bruno González Rico, Alba Fernández Rubal, Alicia López Baltar, Rita Lamparte Alonso, Inés Ben, Manuel Díaz Regueiro, Maria Goretti Díaz Regueira, David Catá, Roberto X. Perez Vila, Lucía Dominguez Rodriguez, Maria J. Prado Viamonte, Elías Mariño García, Xose V. Mon Canoura, Yoli Baamonde, Cris Basanta, Davixino Rodil Fernández, Juan Carlos Enriquez, Fernando Redondo Neira, Silvia López Ben.
As asociacións e empresas: Mariña Patrimonio, A Pomba do Arco, Touporroutou teatro, Observatorio da Mariña pola Igualdade, Prato DO, ACM Arume, ACM Dambara, Igaciencia e a empresa Librería Bahía, Cinza, ACR Fervenza Sargadelos,Xebra, A Sacabeira,Café-Bar cultural,Fundación Neira Vilas, Xebra Associaçom, Os Negativos( Asociación fotográfica).