Ribadeo, 21 de xuño de 2025. O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Porta da Auga, de Ribadeo, é o único centro da Mariña que ofrece a nova formación acelerada para o 2025-26. Ademais mantén toda a oferta que tivo no curso pasado.
O director do centro, Isidro Berdeal, anuncia que “de cara ao vindeiro curso 2025-2026 o CIFP Porta da Auga conta como novidade coa formación acelerada en preparación, protección e embelecemento de superficies de carrozarías”.
Berdeal explica tamén que no Porta da Auga contan ademais con “dúas liñas de ciclos básicos de Formación Profesional, concretamente a de mantemento de vehículos e a de servizos administrativos. E na oferta de ciclos medios temos o de xestión administrativa, tanto en modalidade presencial en horario de mañá como en modalidade a distancia; o de electromecánica de vehículos, en horario de mañá; o de atención a persoas en situación de dependencia, tamén en horario de mañá; o ciclo medio de dual en modalidade intensiva de instalacións eléctricas e automáticas, en horario de mañá; e o de obras de interior, decoración e rehabilitación en oferta modular, en horario de tarde”.
En canto aos ciclos superiores, o director do Porta da Auga comenta que ofrecen “o de administración e finanzas; o ciclo superior de asistencia á dirección, en modalidade a distancia; o de automoción, tanto en horario de mañá en modalidade ordinaria como en horario de tarde en modalidade dual intensiva; o ciclo superior de educación infantil e o de animación sociocultural e turística, en horario de mañá; e o de sistemas electrotécnicos e automatizados, en oferta modular en horario de tarde”.
Isidro Berdeal engade que tamén volverán ofrecer “o curso de especialización de grao superior de mantemento e seguridade en sistemas de vehículos híbridos e eléctricos, en horario de tarde”.
Para rematar o director do Porta da Auga anuncia que xa está aberto o período de presentación de solicitudes de admisión para o vindeiro curso 2025-2026, prazo que remata o día 2 de xullo ás 13 horas.