Mantense o contacto permanente coas autoridades ambientais para garantir un seguimento rigoroso da situación
Viveiro, 12 de xuño de 2025. O Concello de Viveiro quere expresar o seu agradecemento a todas as institucións que desde o pasado venres 6 de xuño colaboran nas tarefas de control e seguimento do vertido de purín detectado no río Landro.
Desde os primeiros momentos, activouse unha resposta coordinada na que participaron organismos e corpos especializados. O Concello valora e agradece a rápida intervención do Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA), Augas de Galicia, o Distrito Forestal, o persoal do Parque de Bombeiros da Mariña e os técnicos ambientais que se desprazaron á zona para realizar análises e avaliar os danos ecolóxicos.
O goberno local tamén quere recoñecer o labor do persoal municipal e a súa disposición durante o desenvolvemento dos feitos, así como a colaboración cidadá, que permitiu detectar o episodio con axilidade.
O Concello de Viveiro mantense en contacto permanente coas autoridades ambientais para garantir un seguimento rigoroso da situación e que se adopten as medidas necesarias para minimizar o impacto ambiental. Así mesmo, manifesta a súa firme vontade de que se depuren responsabilidades.
Viveiro continúa a traballar na defensa do seu patrimonio natural e agradece a implicación de todas as institucións e profesionais que contribuíron á xestión deste incidente.