Ribadeo, 2 de xullo de 2025. O Salón dos Alcaldes acolleu a firma do convenio para a mellora do abastecemento de auga de Ribadeo e de Trabada, que suporá un investimento de 8,5 millóns de euros. O prazo de execución será de 15 meses.
O acto estivo presidido pola conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que subliñou que a Xunta financia o 80% desta importante obra, dos que o 60% son fondos europeos, o Concello de Ribadeo achega o 20% e o Concello de Trabada pon terreos para poder acometer os traballos de mellora deste abastecemento de auga. O alcalde ribadense, Dani Vega, agarda que a Deputación de Lugo se sume a este proxecto.
O rexedor destacou a colaboración e o entendemento entre os Concellos de Trabada e de Ribadeo e a boa disposición da Xunta de Galicia para poder levar adiante unha obra que considera “vital e moi importante para Ribadeo, xa que corremos un risco importante de quedar sen auga en calquera momento por culpa das continuas roturas que estamos a sufrir na rede”. O rexedor subliñou que “non é un problema de recurso hídrico. Auga temos, pero o que falla é o conduto”.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que “a sinatura deste convenio é un paso adiante froito da boa colaboración institucional. En especial queremos poñer en valor o entendemento e coordinación entre o Concello de Trabada e o Concello de Ribadeo, que permitiu avanzar nun proxecto necesario para garantir un servizo básico e esencial como é o da auga potable”.
A licitación da mellora do abastecemento de auga de Ribadeo e Trabada terá lugar a finais deste mes de xullo, segundo anunciou a conselleira Ángeles Vázquez, e as obras desenvolveranse ao longo do vindeiro ano 2026. Os traballos, que tamén inclúen a humanización da senda do tren mineiro ou a rehabilitación da ponte sobre o Río Grande, estarán rematados en 2027.
No acto houbo intervencións dos alcaldes de Ribadeo e de Trabada, do director de Augas de Galicia, e da conselleira de Medio Ambiente. Tamén estivo o director territorial deste departamento. Concelleiras e concelleiros das Corporacións Municipais de Ribadeo e de Trabada asistiron á firma, así como representantes de Acisa e de asociacións veciñais ribadenses.