Este paso abre a porta á participación da Xunta no procedemento, algo no que xa están traballando os servizos xurídicos autonómicos, co obxectivo de aportar información de carácter técnico que permita reforzar as posibilidades de éxito
Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2025. O Goberno galego manifestou a súa satisfacción polo anuncio de recurso do Goberno central contra a sentenza do Tribunal Xeral da Unión Europea que avalou o veto da Comisión europea ao palangre demersal en 87 zonas do Atlántico Nororiental. Este paso abre a porta á participación de Galicia no procedemento, algo no que xa están traballando os servizos xurídicos da Xunta, co obxectivo de aportar información de carácter técnico que permita reforzar as posibilidades de éxito de dito recurso.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, manifestou a súa satisfacción por este anuncio que valorou “moi positivamente” dado que permite seguir defendendo os intereses na nosa frota como vimos facendo ata agora”. Nesta liña, a responsable autonómica destacou que desde a Administración autonómica mantívose un contacto constante co sector para analizar e coordinar as accións a tomar no ámbito xurídico e político. A titular de Mar manifestou que aínda que o Goberno galego respecta a decisión deste tribunal “non compartimos esta sentenza” dado que esta modalidade de pesca é unha das máis selectivas e sostibles cunha afectación limitada nos Ecosistemas Mariños Vulnerables (EMV).
A Xunta destacou que son os Estados membros os que gozan de condición de demandantes privilexiados nos recursos contra sentenzas do Tribunal Xeral ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea. O tratarse de un recurso de casación este recurso debe circunscribirse a motivos de dereito. Unha vía que mantén vivo o proceso xudicial mentres se traballa no ámbito técnico e político para reverter unha decisión que compromete a sostibilidade e futuro da actividade pesqueira na comunidade.
Sentenza do TXUE
O pasado mes de xuño o Tribunal Xeral da Unión Europea desestimaba os recursos interpostos polo Goberno central e pola Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) de Burela e 16 compañías armadoras propietarias de 21 buques afectados, no que participou a Xunta como coadxuvante, contra o veto á pesca de fondo en 87 zonas do Atlántico Nororiental. Dita medida foi motivada pola Comisión pola existencia Ecosistemas Mariños Vulnerables (EMV) ou a posibilidade de que existan nas mencionadas áreas recollidas no anexo II do Regulamento de Execución (UE) 2022/1614. Esta decisión afectou a máis do 25% da nosa frota, 200 embarcacións de xeito directo e 946 de artes menores de forma indirecta.