Ribadeo, 10 de xullo, 2025. O grupo municipal do Bloque de Ribadeo leva unha moción ao pleno para que o goberno municipal cree unha sala de estudo na biblioteca pública.
Consideran que o lugar axeitado é a Sala do fondo Dionisio Gamallo, pola súa amplitude e o pouco custo que tería a actuación. Recordan tamén que é unha actuación demandada reiteradamente por estudantes e opositores.
O concelleiro do BNG, Martín Graña explica: “Nos últimos anos vense facendo cada vez máis evidente a necesidade de habilitar un espazo para que estudantes e opositores poidan traballar no seu día a día, xa que actualmente non existe un espazo municipal que cumpra estas características. Unha sala de estudo debe ser, na medida do posible, un espazo separado dunha sala de lectura dunha biblioteca. A sala de lectura da biblioteca é un lugar máis dinámico que se afasta da tranquilidade e permanencia que se necesita nunha sala de estudo”.
Graña engadiu: “No edificio da biblioteca El Viejo Pancho existen espazos axeitados que se poden habilitar como sala de estudo. Na opinión deste grupo municipal, o lugar ideal é a Sala do fondo Dionisio Gamallo por cuestión de espazo e tamén pola facilidade e baixo custo que tería esta actuación. Máis adiante deberíamos abordar tamén a ampliación do horario de apertura para darlle máis marxe aos usuarios e usuarias, pero polo momento, consideramos que habilitar unha sala de estudo é un bo punto de partida.”