A xestión dos socialistas logrou elevar a participación da Deputación do 50% ao 70%, o que supón un aforro de máis de 300.000 euros para as arcas municipais
Xove, 10 de xullo de 2025. O Grupo Municipal Socialista de Xove celebra a sinatura do convenio entre a Deputación de Lugo e o Concello para a reparación das estradas provinciais, cun investimento de 1,63 millóns de euros por parte da Deputación, o que supón o 70% do orzamento total. O acordo foi aprobado previamente pola Comisión de Goberno da Deputación e permitirá acometer, nos vindeiros tres anos, a mellora integral da rede viaria provincial no municipio.
Desde o grupo municipal socialista lembran que esta actuación levaba 18 anos paralizada, pese a ser unha promesa reiterada polo alcalde, Demetrio Salgueiro. “Inicialmente o convenio prevía un reparto ao 50% entre Deputación e Concello, pero grazas á xestión dos socialistas conseguimos mellorar as condicións ata acadar unha achega provincial do 70%”, explican desde a agrupación.
Desde o PSdeG-PSOE de Xove afirman que se cumpriu a principal promesa electoral realizada á veciñanza. A formación socialista reafirma o seu compromiso cunha política útil, centrada nas melloras reais para o municipio, e destaca que, mesmo desde a oposición se poden acadar avances importantes cando hai vontade de traballo e sentido común.
As obras previstas inclúen asfaltado e mellora de curvas e pontes, o que permitirá dotar a Xove dunha rede viaria moderna, segura e adaptada ao século XXI. A Deputación comezará este ano coa mellora das estradas LU-P-2601, LU-P-2604 e LU-P-6606, e entregará ao Concello os proxectos das restantes vías para a súa execución.
“Por fin deixarán de circular por camiños mal amañados veciñas e veciños de todas as parroquias: A Rigueira, Penas Agudas, O Cruceiro, Portocelo, Lago, Morás ou Sumoas”, engaden desde o PSdeG.
“Somos xente da pé, vivimos en Xove e o que nos move é que no noso concello se fagan cousas que melloren a calidade de vida da veciñanza”, afirman. “Seguiremos traballando para que se melloren os servizos e as prestacións en todos os ámbitos. E en 2027, que cada quen saque as conclusións que estime oportunas”.





















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



