Os concelleiros do PP consideran “inaceptable” que o bipartito renuncie a unha axuda concedida pola administración autonómica
Vilalba, 23 de xullo de 2025. Os concelleiros do Partido Popular de Vilalba esixen explicacións ao goberno municipal bipartito de PSOE e Vilalba Aberta ante a renuncia do Concello a unha axuda da Xunta de Galicia en materia de programación cultural.
Os populares explican que “o Concello renunciou a unha axuda de 2.500 euros que a Xunta de Galicia tiña concedido dentro do programa ‘Cultura no Camiño’ para contribuír a sufragar eventos culturais en Vilalba”.
Dende o PP consideran “inaceptable” que “o goberno do noso municipio, que é capital de comarca, renuncie a unha axuda concedida pola administración autonómica”. Nese sentido, agardan que “non se deba ao empeño do goberno local por buscar confrontación continua coa Xunta de Galicia”.
Os representantes do PP vilalbés pedirán explicacións formalmente no vindeiro Pleno da corporación local para que “o bipartito aclare os motivos polos que cambia de idea: primeiro preséntase á convocatoria de axudas e a Xunta concédelle apoio económico e agora o propio Concello renuncia”.
Os populares cren que “non só é pouco serio” este proceder por parte dun goberno municipal, senón que “evidencia a falta de interese por ofrecer aos vilalbeses programación cultural”.