Lugo, 8 de xullo de 2025. O Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, presidiu este martes unha nova reunión da Comisión Executiva Provincial, celebrada na sede do partido na capital lucense, como parte da folla de ruta para fortalecer a organización interna e intensificar a acción política do socialismo na provincia.
Este encontro enmárcase na dinámica de traballo constante que está a impulsar a dirección provincial, co obxectivo de consolidar unha estrutura sólida, participativa e en permanente conexión co territorio e coas súas demandas. A Executiva continúa así co seu labor para mellorar a coordinación entre agrupacións, definir con claridade as prioridades políticas e organizativas e trazar as liñas estratéxicas que marcarán os vindeiros meses.
A reunión, que tivo lugar ás 20:00 horas na sede provincial, permitiu facer balance das iniciativas xa en marcha e avanzar na planificación das novas accións a desenvolver. Neste sentido, púxose de manifesto a importancia do papel que xogan as agrupacións locais e os distintos equipos de traballo, considerados verdadeiros motores do partido e pezas fundamentais da súa engrenaxe.
No transcurso da sesión, José Tomé Roca informou aos membros da Comisión Executiva Provincial dos asuntos abordados no Comité Federal do PSOE celebrado o sábado 5 de xullo.
Con esta nova xuntanza, o PSdeG-PSOE de Lugo reafirma o seu compromiso cun modelo de partido activo e mobilizado, que escoita a cidadanía, que formula propostas transformadoras e que actúa desde a proximidade. Un partido útil, con presenza e impulso en toda a provincia, decidido a seguir facendo avanzar o proxecto socialista ao servizo da maioría social.