Foz, 3 de xullo de 2025. O departamento de Cultura do Concello de Foz está organizando un verán cheo de actividades. Este mércores inaugurouse a primeira exposición do verán nas salas do CENIMA: unha colección de obras pictóricas e escultóricas de Vicente Barreira e Esperanza Fontecha, que estará aberta de martes a sábado en horario de 11.00 a 13.00 e de 17.00 a 19.00 horas e domingos e festivos de 11.00 a 13.30 horas dende ata o 27 de xullo. “As exposicións Paisaxes e Obra Última, de Vicente Barreira e Esperanza Fontecha, son de visita obrigada para quen lle guste a arte”, destaca a concelleira de Cultura, Inés López Couto.
A edil de Cultura anuncia tamén que “o ciclo Sons na Rúa cumpre dezaoito edicións enchendo de música local Foz todos os venres do verán en diferentes prazas do concello. Este venres comeza da man da Rondalla Latexos, a partir das 21.00 horas. Ademais esta fin de semana a Asociación Cultural Virxe do Pilar organiza a súa III Torrezmada Popular da Espiñeira, para todos aqueles que lles guste comer ben e desfrutar dos amigos e a familia no entorno do Campo da Feira da Espiñeira. A partir das 20.30 horas e coa actuación do grupo focego A Subela”.
Inés López engade que “o domingo é tempo de teatro, chega a Foz a obra Costa da Morte: cartografía dun naufraxio, que se poñerá en escena ás 22.00 horas na praza Rosalía de Castro (Campo da Cabana) e en caso de choiva a representación levarase a cabo no pavillón do colexio Nº1 ás 20.00 horas”.
“Agardamos que veciños e visitantes desfruten dunha programación que aglutina actividades para pequenos e grandes e que vai de música a teatro, pasando por festas e moitas outras actividades”, finaliza a concelleira de Cultura.