Súbdito. Persoa que está baixo o poder e autoridade dun rei. Colonizar. Converter [un país] en colonia, impoñéndolle, ademais do dominio político e económico, unha cultura que lle é allea. Estimo que as definicións que RAG nos subministra no seu dicionario poden mellorarse, pero son as oficiais, e coido que chegan ao menos para o caso no que estamos.
En ambas palabras, son as segundas acepcións que aparecen citadas, non as primeiras. No caso de súbdito, a primeira refírese a paisano, á pertenza a un país. É dicir, a unha idea que xa prexulga un tipo de sociedade, o mesmo que na súa segunda opción, aínda que sexa de xeito menos personalista. No caso de colonizar, a primeira acepción indica que o territorio a colonizar en xeral está despoboado, o que ao menos nos primeiros casos que se me ocorren, as colonizacións americanas, ou africanas, non é certo.
Ambas as dúas verbas viñéronme á cabeza os últimos días tras o non enfrontamento da UE con Trump (non exactamente cos EUA) polo 5 % de gasto militar, a clama procurada dende esta beira no tema da taxas impostas dende a outra beira do mar, os repetidos meter a cabeza baixo terra pero non en territorio palestino, etc. O comportamento de Europa é o dunha entidade súbdita (e por extensión, dos europeos en conxunto, esteamos ou non a favor, como súbditos) e colonizada “impoñéndolle, ademais do dominio político e económico, unha cultura que lle é allea“, algo que temos claro dende que tomamos conciencia de que na vida real, e en relación ós EUA, nós eramos algo así como os indios das películas de vaqueiros. Claro que, volvendo outra vez á definición, dicir cultura ó destrozo da cultura é moito dicir.
Mais mira por onde, un gobernante en horas baixas -Pedro Sánchez- sae fortalecido dun cumio por dicir ‘non’, aínda que fose en voz baixa, ó aumento do gasto militar a un 5 % do produto interior bruto en España. É dicir, por dicir non a adicar a preparar a guerra máis do que lle adican os EUA que esixían chegar a ese límite ós máis. No medio dunha baixada de pantalóns (ou de bragas), un sinxelo xesto de medio desafío deu ás ó político para volver á casa en mellores condicións das que saíu. Digamos, visto doutro xeito, só por non manifestarse como totalmente súbdito dun rei autonomeado e non ter que comunicar ó seu pobo (e ós seus aliados políticos) que ía mercar máis armas ós EUA, que, ó fin, é do que se trata ese aumento de gasto militar. Por dicir, aínda que sexa con boca pequena, sexa ou non certo, ‘non somos unha colonia’.