Foz, 20 de agosto de 2025. O Club Ciclista Foz e o Concello de Foz presentaron a ruta BTT (bicicleta de montaña) Pico da Lebre, que se celebrará o sábado 13 de setembro e na que tamén colaboran Deputación de Lugo e Xunta de Galicia. A ruta circular, cun percorrido de 55 quilómetros e 1.500 metros de desnivel positivo, partirá o sábado 13 de setembro ás 9.30 horas da Praza Conde de Fontao.
O prazo de inscrición está aberto na plataforma CCNORTE (https://ccnorte.com/evento/detalle/id/3114/ruta-pico-da-lebre-foz) e remata o 10 de setembro. O prezo de inscrición é de 30 euros e inclúe seguros, café antes da saída, refresco na chegada e comida -empanada, paella e postre-, ademais de ducha para os participantes no Colexio Martínez Otero.
O Club Ciclista Foz destaca “a vistosidade da ruta, que discorre polo paseo marítimo ata a praia da Pampillosa en Fazouro, continúa polo río Ouro ata subir ao Pico da Lebre, Madroi, Santo Acisclo, Vilacizal, A Ermida, Alto de Virín e volta a Foz por Malates”.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, agradece ao club ciclista a “recuperación dunha ruta que discorre unicamente polo noso concello e que mostra a gran variedade de paisaxes no municipio” e anima a todos a apuntarse e participar.
O concelleiro de Deportes, Ángel Fernández Neira, tamén anima a participar na proba, que” volve para poñer en valor as rutas de Foz. O club ciclista aportou sempre ideas e traballo na creación de rutas coma a do río Ouro e con estas probas axuda a potenciar un deporte tan completo coma o ciclismo e ademais en plena natureza, polo que animamos a todo o mundo a participar”.