Ribadeo, 20 de outubro, 2025. “A pesar das continuas queixas da veciñanza e das denuncias realizadas polo grupo municipal do BNG, a imaxe que está dando Ribadeo durante todo o verán coa súa falta de limpeza é lamentable. Seguimos a ver contedores desbordados, regueiros de graxa por varias beirarrúas e suciedade por calquera parte de Ribadeo. Nas parroquias do rural os contedores de cartón non se recolleron en todo o verán”, explica o BNG.
“Lugares e espazos emblemáticos do noso concello ofrecen aos veciños, e á xente que nos visita nestas datas, unha sensación noxenta, á que se suma o deterioro e a desatención ao mobiliario urbano da maior parte deses espazos. Dá igual por onde te movas; en calquera recuncho de Ribadeo, por onde vaias acompañarate a sensación de deixadez na limpeza viaria e, por momentos, unha cheirume que chega a ser nauseabunda”, engaden.
“Onde van agora todos eses que proclamaban a bombo e platillo o mal que estaba Ribadeo en anos anteriores? Aqueles e aquelas que decían “Ribadeo huele mal”? Debe ser que xa perderon o sentido do olfato; ulindo o que hai que ulir, case mellor para eles. É que acaso esqueceron, ao chegar ao goberno, algo tan prioritario como o servizo de limpeza da nosa vila?”.
“O que ocorre é que temos un goberno municipal desbordado; que non sabe xestionar e as consecuencias pagámolas moi caro as veciñas e os veciños. Son capaces de limpar as arcas públicas, pero de manter limpas as rúas, vese que non”, rematan.