Ribadeo, 27 de agosto de 2025. Esta mañá deu comezo en Ribadeo o XIV Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, organizado por Apaga. Nesta edición, que se prolongará ata o venres, participan ponentes chegados desde Colombia e desde Portugal.
No acto de inauguración interviñeron o alcalde, Dani Vega, o director territorial de Economía e Industria, Gustavo Casasola, e o presidente de Apaga, Álvaro Doural. Máis de 50 persoas procedentes de diferentes puntos da xeografía española asisten a este Fórum no que se abordan cuestións como a diagnose de vehículos híbridos/eléctricos, os incendios nas baterías de vehículos eléctricos ou a internacionalización da asociación Apaga, entre outras. Ademais os asistentes achegaranse á Formación Profesional que se imparte en Colombia ou das mobilidades europeas de alumnos que son acollidos en empresas de Portugal.
Ata o venres desenvolverase un amplo programa de charlas. Os asistentes tamén aproveitarán para coñecer a zona. Unha das actividades da que gozarán será dunha subida en barco ata Ría de Abres.
Álvaro Doural tivo palabras de agradecemento para as empresas colaboradoras un ano máis co as súas axudas para que este Fórum se leve adiante.
O rexedor aludiu á falla de man de obra no sector da automoción e dixo que se non hai empresas é imposible o crecemento colectivo. Vega referiuse ao polígono industrial: “a baixada do prezo do metro cadrado de 75 a 35 euros propiciou que dúas empresas xa mercasen sendas parcelas e hai outras interesadas en asentarse alí”.
O alcalde apostou pola formación, o coñecemento e a estratexia empresarial e animou aos asistentes a aproveitar a súa estadía en Ribadeo para coñecer a vila e os seus enclaves turísticos.