Do 29 de agosto ao 31 de outubro, o Salón de Actos dos Chaos converterase cada venres nunha sala de cine coa proxección de oito longametraxes e oito curtametraxes finalistas dos Premios Mestre Mateo
A Fonsagrada, 25 de agosto de 2025. A asociación cultural Abordelar organiza unha nova edición do Ciclo Mestre Mateo na Fonsagrada, un proxecto promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Durante dous meses, o Salón de Actos dos Chaos acollerá as proxeccións todos os venres ás 20:30 horas, agás o 19 de setembro, que se trasladará ao sábado 20. O público poderá gozar dun total de 16 títulos, entre películas, documentais e curtas, todos eles obras sinaladas nos Premios Mestre Mateo, o gran escaparate do audiovisual galego.
O obxectivo do ciclo é achegar o cine galego aos concellos onde non existe unha oferta comercial estable, facilitando así o acceso da veciñanza ás últimas producións do sector.
A programación inclúe producións de referencia como +Cuñados, Prefiro Condenarme ou Filmei paxaros voando, xunto a As Neves, filme rodado na propia Fonsagrada e nos seus arredores.
A sesión inaugural será este venres 29 de agosto con Honeymoon.