É obrigatorio manter limpas franxas de 50 metros arredor de vivendas, núcleos rurais, urbanización, cámpings, gasolineiras ou instalacións industriais
Viveiro, 20 de agosto de 2025. O Concello de Viveiro lembra á veciñanza que a Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais establece a obriga de manter limpas as franxas de 50 metros arredor de vivendas, núcleos rurais, urbanizacións, cámpings, gasolineiras ou instalacións industriais situadas preto do monte. O obxectivo é reducir o risco de lume e garantir a seguridade das persoas e das súas vivendas.
Na mesma franxa non poderá haber especies como o eucalipto ou algunhas variedades de piñeiro, tal e como recolle a normativa autonómica. O prazo para cumprir coa obriga de xestión da biomasa rematou o 31 de maio, mais agora, por mor das altas temperaturas e do risco de incendios, o Concello fai un chamamento á veciñanza para que comproben que os terreos están nas condicións axeitadas para evitar riscos innecesarios. Dadas as circunstancias, apélase á importancia de levar a cabo unha labor preventiva.
«Trátase dunha medida de prevención esencial, que non só cumpre coa lei, senón que tamén protexe á nosa veciñanza e o noso patrimonio natural», lembra a alcaldesa Mariña Gueimunde.
O Concello lembra ademais que, en caso de incumprimento, poderá procederse á execución subsidiaria dos traballos de limpeza, repercutindo os custos ás persoas responsables, sen prexuízo das sancións que correspondan.