Os populares acusan á rexedora socialista, e responsable da área de Economía, Recadación e Facenda da Deputación de Lugo, de “subsistir a base de suplementos de crédito e transferencias extraxudiciais de crédito”
Burela, 23 de agosto de 2025. O Grupo Municipal Popular denuncia, unha vez máis, “os constantes incumprimentos dos acordos plenarios e da normativa vixente” por parte da alcaldesa e do goberno local bipartito.
Os populares advirten do incumprimento na publicidade do último pleno extraordinario, “mentres que outros plenos si son publicitados en tempo e forma, atendendo a unha iniciativa do Grupo Municipal Popular que fora aprobada en Pleno co apoio de tódolos grupos políticos”.
Tamén incumpre a norma ao impedir ao portavoz popular tomar a palabra por alusións evitando, así, que dea resposta a certos asuntos no propio pleno.
“A señora López Moreno goberna a base de suplementos de crédito e transferencias extraxudiciais de crédito. Ata o de agora, en tres exercicios (2023, 2024 e 2025), a titular da área de Economía, Recadación e Facenda da Deputación de Lugo e alcaldesa de Burela só foi capaz de aprobar un orzamento municipal”. E “un goberno que non é capaz de aprobar os orzamentos en tempo e forma ten un serio problema”, cren.
Os populares cren que “a alcaldesa socialista non para de imitar os desmáns e as formas de gobernar do señor Pedro Sánchez”.