Lugo, 23 de agosto de 2025. Pantón, Vilalba e Mondoñedo acollerán nas vindeiras cadanseu curso do programa de formación en apicultura que a área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo ven desenvolvendo nos dous últimos anos da man da Casa do Mel.
Trátase de cursos de 10 horas con contidos téoricos e prácticos enfocados na ampliación e actualización de coñecementos das apicultoras e apicultores como a diversificación das producións, a nutrición e alimentación das abellas ou a elección das ubicacións axeitadas para a instalacións de apiarios son as cuestións nas que se centrarán os cursos.
O deputado de Rural Daniel García explicou “que se trata dunha formación gratuíta coa que damos continuidade ao programa que puxemos en marcha o ano pasado, para apoiar con coñecemento actualizado e prácticas adaptadas ás dificultades que afronta o sector como a velutina, o traballo das apicultores e apicultoras”.
As persoas interesadas en asistir teñen que anotarse no enderezo electrónico casadomel@vodafone.es ou no teléfono 661003616.
Pantón. Tuiriz.
24 de agosto, de 9 a 14 e de 16 a 21 horas
Aproveitamento dos produtos da colmea. Esta formación teórica e práctica, de 10 horas, afonda nos distintos produtos que ofrecen as abellas e na diversificación da produción coa recolección e obtención de pole, propóleo ou xelea real. Conta coa colaboración da CMVMC de Ferroedo
Vilalba. Escola de Pedragosa. San Simón da Costa.
13 e 14 de setembro, de 9 a 14 horas
Nutrición e alimentación apícola. O curso conta cun módulo teórico no que se abordan materias apícolas directamente relacionadas coa nutrición ou alimentación como: anatomía, etoloxía, fisioloxía, microbioloxía ou patoloxía apícola. No terceiro módulo, práctico, as persoas asistentes fabricarán o seu propio alimento seguindo as receitas ofrecidas ou buscando unha personalización nos produtos. Conta coa colaboración da Asociación Serra da Carba.
Mondoñedo. IES San Rosendo.
22 e 23 de setembro, de 9 a 14 horas
Instalación do apiario e boas práticas en apicultura.
O curso, tamén de 10 horas, céntrase en aspectos a ter en conta para a instalación de colmeas como os tipos de floración, a orientación ou o acceso e a preparación do chan. Conta coa colaboración do IES San Rosendo.
Os cursos complementan os celebrados o mes de xullo en Cervantes, de iniciación á apicultura, e en Barreiros, de selección de abellas e mellora xenética dos apiarios.