Ribadeo, 19 de setembro de 2025. O Centro de Información á Muller (CIM) de Ribadeo organiza para o vindeiro 26 de outubro unha saída ao balneario Aquaxana Las Caldas, en Oviedo. Trátase dunha actividade dirixida a mulleres cun total de 50 prazas dispoñibles.
A saída será ás 9:00 horas desde a Escola de Música de Ribadeo, e o regreso está previsto arredor das 18:00 horas. Durante a xornada as participantes gozarán das instalacións termais do complexo. O prezo é de 36,10 € por persoa, correspondente á cota de utilización do balneario. O Concello de Ribadeo asume o custe do autobús. Ademais as mulleres disporán de tempo libre en Oviedo para comer e desfrutar da cidade, sendo a comida por conta de cada participante.
As inscricións estarán abertas do 22 de setembro ao 15 de outubro no CIM (Auditorio Hernán Naval, Rúa Buenos Aires, 14) e a través do teléfono 982 120 739.
A concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, subliñou: “queremos crear espazos para o coidado das mulleres, tanto físico como emocional. Este tipo de saídas son unha oportunidade para compartir, desconectar e lembrar que tamén temos dereito a dedicarnos tempo a nós mesmas”.