A recente decisión da compañía aérea irlandesa Ryanair suprimindo, dende a fin da presente tempada de verán, toda a súa oferta no aeroporto de Vigo-Enrique Peinador, pechando a súa base no aeroporto compostelán Rosalía de Castro e restrinxindo substancialmente a oferta neste mesmo aeroporto (suprime as conexións con Madrid, Barcelona, Málaga, Alacant, Palma de Mallorca, Zaragoza e Gran Canaria, restrinxindo nun 50% as conexións semanais con València, nun 60% con London-Stansted e Lanzarote e nun 70% con Tenerife Sur) é moi lesiva para os intereses de Galicia. Neste senso, o CEO da aerolínea irlandesa, Eddie Wilson denunciou na política tarifaria meramente recadatoria de AENA que só atende aos grandes aeroportos do Estado español, desatendendo os pequenos e medianos, como os tres galegos.
Non vou defender o modus operandi da empresa irlandesa, sempre atenta á maximización do seu beneficio ás custas dos dereitos e intereses das persoas usuarias e da súa propia imaxe e reputación, que lle preocupa moi pouco ao alicerzaren a súa política comercial no baixo custo. Mais o certo é que coincido ao cento por cento na diagnose que fai AENA da xestión dos tres aeroportos galegos, que efectivamente é moi desaquelada e mesmo catastrófica. AENA (participada nun 51% polo Estado español e no outro 49% por investidores privados) constitúe o modelo de xestión aeroportuaria máis centralizado e burocratizado de Europa, como teño escrito adoito nos últimos dezaseis anos, canda persoas tan autorizadas como o catedrático de Xeografía da USC e director xeral de Turismo da Xunta entre 2005 e2009, Rubén Lois.
Neste absurdo de xestión as cafetarías, aparcadoiros e handling contrátanse para os tres aeroportos galegos… en Madrid! Esta microxestión centralizada, que ignora as necesidades de cada aeroporto, canda un desaquelado gravame de taxas, xera unha ineficiencia masiva, imposibilitando a adopción de decisións áxiles e aqueladas ás necesidades locais, sexa para atraer novas rutas, for para xestionar os espazos comerciais ou para xestionar os servizos. Deste xeito, a xestión de AENA naufraga na ineficacia e impide que os nosos tres aeroportos poidan ser usados como ferramentas estratéxicas para potenciar as nosas vocacións exportadora e de atracción equilibrada dun turismo sostíbel.
Non hai outro camiño que a transferencia ou delegación da competencia a respecto dos tres aeroportos galegos de interese xeral á Xunta de Galicia (a medio dunha lei orgánica das previstas no artigo 150.2 da Constitución) como ven de afirmar a líder do BNG, Ana Pontón, como xa propuxo o conselleiro de Turismo (BNG), Fernando Blanco no 2008 e como defendeu o goberno Fraga no 1997 (Xosé Cuiña, conselleiro de Transportes) e 2004 (proposta de transferencias do conselleiro Xesús Palmou ao ministro Jordi Sevilla). Neste senso, é de salientar a covardía política do conselleiro responsábel da Mobilidade, pregándose ao centralismo do PP estatal e arrombando as solucións políticas propostas polos conselleiros do Presidente Fraga en momentos ben diferentes do seu mandato presidencial.
A xestión autonómica dos tres aeroportos (o control do tráfico aéreo seguiría a ser competencia partillada entre o Estado e a Unión Europea baixo a dirección desta ) permitiría coordinar cadansúa oferta e especializar cada aeroporto, integrando os tres nun sistema galego de mobilidade que acadaría tamén a conexión rápida e continúa por estrada entre os aeroportos e as estacións intermodais.
A xestión autonómica dos tres aeroportos, en último de contas, habería obter unha xestión eficiente refugando do sistema centralista e burocrático de AENA para abrir a xestión dos servizos de cada unha das tres infraestruturas á colaboración consorciada entre a Administración galega, as Administracións locais das tres áreas urbanas e os principais axentes sociais e económicos da sociedade civil.
Seguir a dependermos da xestión catastrófica de AENA é letal para o futuro económico deste país.