Paloma Castro: “Para defender os fondos europeos, Galicia debe demostrar que é capaz de executalos e facelo con impacto real, equidade sectorial e visión estratéxica”
Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2026. O Grupo Socialista denunciou hoxe en comisión parlamentaria a deficiente xestión que a Xunta de Galicia está a facer respecto do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa), que contrasta coa utilización das cifras “para construír un relato que non se corresponde coa realidade que vive o sector”. Así o afirmou a deputada Paloma Castro, e apuntou que convén “poñer as cifras no seu sitio”.
Castro sinalou que, segundo o rexistro oficial do propio sistema europeo, Galicia tiña para o 2025 78,72 millóns aprobados, pero a 15 de setembro “só 37,92 millóns estaban efectivamente pagados aos beneficiarios”, un dato “clave”, xa que é o único que mide “se os cartos chegan ou non chegan ao sector”. A parlamentaria do PSdeG lamentou que o Goberno de Rueda saíse o mes pasado “a vender titulares falando dun 105 % de execución”, o que cualificou de “manipulación”, xa que esa porcentaxe calculouse sobre “un obxectivo anual interno, fixado pola propia Xunta, e ademais medido en termos de gasto certificado, non de pagos reais”.
“Publica ordes non é executar fondos nin pagar ao sector. Permite iniciar expedientes e mellorar indicadores administrativos, pero non garante que os cartos cheguen nin cando chegarán a quen máis os necesita”, insistiu. Nese senso, a deputada socialista asegurou que a “avalancha de convocatorias” no inicio de ano só serve para “alimentar un relato de actividade intensa”, mais non corrixe “o problema de fondo”, que non é outro que “os atrasos nos pagamentos, a saturación administrativa e a dificultade real do sector para acceder ás axudas”. “Non falan do diñeiro que entrou nas contas do sector; falan de expedientes certificados administrativamente, aínda que moitos non estean pagados”, reiterou. “Moitas ordes, moitos anuncios e poucos cartos no peto do sector pesqueiro”, remarcou.
Paloma Castro indicou que, no actual período, Galicia precisa planificar e comprometer arredor de 493 millóns de euros de gasto público para poder beneficiarse do reembolso de 366 millóns de euros do Fempa, “e ademais mobilizar uns 260 millóns de capital privado”. Pero preguntouse onde está a “planificación plurianual real” necesaria para lograr ese obxectivo. Así, repasou as cifras de cada unha das liñas do fondo.
Respecto da Prioridade 1, con 130 millóns, criticou que a pesca artesanal e de baixura siga a denunciar dificultades de acceso ás axudas. En canto á Prioridade 2, que concentra 194 millóns, “obsérvase unha clara orientación cara a industria de transformación e comercialización fronte á acuicultura produtiva”, o que define un modelo “que non é neutro”. A Prioridade 3 fixa 38 millóns para desenvolvemento local, “claramente insuficientes se de verdade se quere falar de cohesión territorial, fixación de poboación e futuro para as comunidades costeiras”. Finalmente, Prioridade 4, destinada á gobernanza e coñecemento do medio mariño, conta con só 2 millóns “nun contexto de crecente presión ambiental, restricións europeas e necesidade de base científica sólida para defender os interese do sector galego en Bruxelas”. “Como pretende a Xunta defender ao sector fronte a novas restricións se unha base científica sólida, financiada axeitadamente?”, preguntou.
A deputada socialista subliñou a necesidade de defender o Fempa, pero “para defender os fondos europeos —dixo—, Galicia debe demostrar que é capaz de executalos e facelo con impacto real, equidade sectorial e visión estratéxica”. “Ser europeísta tamén é executar ben os fondos, con rigor, con equidade e con impacto real no territorio, e aí é onde cremos que a Xunta está a fallar”, explicou.
Castro recordou que, se Galicia conta cunha asignación Fempa “histórica”, de 366 millóns de euros, “é tamén grazas ao traballo serio, constante e eficaz do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e do ministro Luis Planas”. Por iso lamentou o que o Goberno de Rueda “queira apuntarse éxitos que non se corresponden coa realidade da execución, mentres se minimiza ou se invisibiliza o traballo institucional que permitiu traer eses fondos a Galicia”.
Paloma Castro pechou a súa intervención reclamándolle á Xunta do PP que poña a pesca artesanal, de baixura e o marisqueo “no centro das políticas públicas”, que aposte de xeito “decidido” pola formación, a seguridade laboral e a dignificación das condicións de traballo no mar como medio para garantir o relevo xeracional e acompaña a sustentabilidade ambiental dun “investimento real en coñecemento científico, en gobernanza e en capacidade de defensa dos intereses galegos en Bruxelas”.
Tamén instou ao Goberno galego a impulsar un desenvolvemento local participativo e a traballar de xeito “transversal” pola igualdade “nun sector onde as mulleres aínda están infrarrepresentadas”, soportan peores condicións laborais, ven ignoradas as súas enfermidades profesionais, padecen unha total ausencia de medidas efectivas de conciliación e se invisibiliza constantemente o seu traballo, “mesmo nas estatísticas oficiais”.
“Boa xestión non é anunciar porcentaxes nin cumprir obxectivos mínimos nun ano concreto. Boa xestión é planificar a longo prazo, comprometer orzamentos plurianuais, executar en tempo e forma e garantir que os fondos chegan a quen máis o necesita. O que fai falta é xestión á altura, compromiso co sector e responsabilidade institucional”, concluíu.








A mostra inaugúrase o luns 19 de outubro ás 12.00 horas na Casa da Cultura, onde permanecerá aberta ao público ata o 19 de novembro. A iniciativa, promovida polo Concello, ofrece unha selección de obras nas que o artista explora a cor, a luz e a expresión contemporánea, consolidando a súa traxectoria dentro deste movemento artístico.
Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.