“Producimos o 42 % do leite do Estado e temos unha posición de forza que a Xunta non é capaz de poñer en valor nas negociacións coa industria”
Santiago de Compostela, 30 de marzo, 2026. A portavoz de Industrias Agroalimentarias do BNG, Ariadna Fernández, denunciou o “inmobilismo” da Consellería de Medio Rural diante da amenza de peche de explotacións gandeiras no País a consecuencia da entrada en vigor, dentro de apenas 48 horas, dos contratos á baixa no prezo do leite, que implicarán que os produtores e produtoras reciban “sete, oito ou máis céntimos” menos por litro.
“Con esta baixada drástica ponse en risco a continuidade de moitas explotacións de vacún, que verán os seus beneficios drasticamente”, advertiu a deputada, subliñando que esta redución nos ingresos das explotacións leva o sector a unha crise aínda máis grave porque ao mesmo tempo está pagando os efectos da “guerra imperialista” de Estados Unidos e Israel en Oriente Próximo.
Efectos que, ademais, prodúcense “xusto no momento no que a actividade agrícola se volve máis intensa” porque é precisamente agora cando nas explotacións hai que abonar, segar, recoller e volver sementar, cando máis traballan os tractores, o que fai que a suba de prezos no gasóleo agrícola, dos abonos ou dos plásticos sexa “inasumible”.
“As marxes de beneficio van ter uns recortes que ameazan a viabilidade de moitas explotacións”, asegurou a deputada nacionalista, que recordou que só o ano pasado tiveron que pechar xa máis de 300 explotacións de leite e que Galiza pasou de ter 9.100 explotacións de 2015 ás menos de 5.000 da actualidade.
Diante desta situación, criticou que a Consellería de Medio Rural, “que máis parece do anti rural” -ironizou-, se manteña como “espectadora”, dándolle as costas a un sector que aínda agarda que se publiquen as axudas para mitigar os efectos da guerra e que paga as consecuencias do “inmobilismo” dun goberno que, diante da baixa do prezo do leite, se limita a apelar á boa vontade da industria.
“Os gandeiros e as gandeiras precisan un goberno que goberne”, sostivo Fernández, que emprazou o Executivo de Rueda a “poñerse de lado” dos produtores e produtoras do País para “facer valer” a súa “posición de forza” no Estado como subministradora de leite.
Destacou, neste punto, que Galiza produce o 42 % do leite do Estado (que é deficitario nuns 2,3 millóns de litros) e oferta un produto de gran calidade, cunha media de proteína e graxa que supera a media. E, malia iso, historicamente págase menos polo leite galego.
“É inxustificable que levemos anos cobrando menos por litros, deixándose de ingresar millóns de euros nos petos dos gandeiros e gandeiras galegas”, considerou, para advertir que o 75% destas considera que non ten capacidade negociadora fronte á industria. “Os produtores estanos dicindo que chegan os contratos e, ou asinan, ou non lles recollen o leite”, explicou.
É por iso que a deputada nacionalista emprazou o Goberno do PP a convocar de inmediato a produtores, industria e distribución para negociar “en igualdade de condicións”, asumindo a Consellería de Medio Rural o papel “protagonista” que debería ter co obxectivo de mellorar o trato ás explotacións galegas.
“Os nosos produtores/as teñen que ser tomados en serio, porque son a sucursal do leite no Estado, e porque a industria sabe que o son”, recalcou, subliñando que mentres Galiza aumentou a súa produción, pasado das 214.000 toneladas de leite no 2015 ás 257.000 do ano pasado, a cifra no resto do Estado mantense estable, e o peche de explotacións é máis acelerado.
Ademais de tomar as rendas na negociación para facer valer o sector galego, Fernández emprazou o Goberno de Rueda a aumentar as axudas da Xunta ao campo para paliar os efectos da guerra porque, segundo dixo, aínda que se descoñece a contía exacta das mesas, si se sabe que van ser moito menores que as de Cataluña ou Euskadi: en torno aos 150 millóns de euros en total fronte aos 400 aprobados pola Generalitat ou os máis de 1.000 do Goberno vasco.
Ariadna Fernández reclamou á Consellería de Rueda un “cambio de rumbo” porque, sinalou, do papel que xogue na actualidade dependerá o futuro do sector agrogandeiro galego e do rural. Un sector que, agregou, sofre tamén a ameaza da falla de relevo xeracional nas ganderías.
Só o 3 % dos gandeiros ten menos de 30 anos de idade, precisou, para criticar que, aínda con esas cifras, o Goberno galego ten ser resolver as axudas de 2025 para a incorporación de mozos ao agro e o 70 % dos plans de mellora de explotacións que se solicitaron no 2024 foron rexeitados.
“O Goberno do PP non pode manterse inmóbil, porque hai un sector que precisa agora mesmo, e de xeito esaxerado, que se lle teña en conta, e que o que estea gobernando que goberne e que non se dedique a dar bandazos ou a non facer absolutamente por un sector que segue a perder explotacións e que se se segue nesa dinámica está abocado á desaparición”, concluíu.




















Villares, que dimitira hai un ano tras ser denunciado por agresión sexual —unha investigación que foi arquivada ao non atoparse probas—, substituirá no cargo a Javier Arias.
O Concello destaca que este logro é resultado do esforzo, da dedicación e da paixón polo deporte que o arqueiro demostra en cada competición, levando o nome de Cervo e do seu club ao máis alto. A administración local subliña o orgullo que supón contar con deportistas que representan valores como o traballo, a constancia e a superación.
A iniciativa forma parte do Plan de Sostibilidade Turística en Destino Xacobeo 2021, financiado con fondos europeos Next Generation. No acto proxectouse o tráiler e un capítulo completo. Tras a estrea, os contidos difundiranse nas redes sociais e no YouTube municipal, e no verán organizarase un novo evento para ver a serie íntegra.
Non deben prematricularse quen continúe co mesmo instrumento nin quen opte a talleres, Música e Movemento, Pandeireta ou Instrumentos Tradicionais, que se inscribirán en setembro. As solicitudes presentaranse no rexistro do Concello ou na sede electrónica, sen garantir praza. O alumnado xa matriculado mantén a súa praza se formaliza a matrícula entre o 1 e o 9 de setembro. A Escola contactará na primeira semana de setembro para confirmar dispoñibilidade segundo o Regulamento interno.
Tras máis de vinte anos dedicada ao debuxo científico, expón desde 2013 e a súa pintura, definida pola crítica como expresiva, colorista e próxima ao surrealismo, chegou xa a numerosos países europeos e americanos. 



