Durante máis dun mes, Carmela López e Efrén Castro mantiveron contactos permanentes coa directiva do Burela FS e coa Xunta de Galicia -primeiro con Javier Arias e posteriormente con Alfonso Villares- para buscar unha solución que permitise garantir a continuidade do club e dar estabilidade ás xogadoras, aos xogadores e ao corpo técnico ante o inicio da próxima temporada
Lugo, 27 de xuño de 2026. A Deputación de Lugo, a través da Presidencia e da Vicepresidencia, compromete unha achega extraordinaria de 120.000 euros ao Club Deportivo Burela Fútbol Sala co obxectivo de contribuír á continuidade dunha entidade que leva máis de dúas décadas sendo un referente do deporte galego. A institución provincial apunta que a axuda debe formar parte dunha resposta compartida entre as administracións públicas, acompañada dun proceso de reestruturación económica do club e dunha maior implicación do sector privado para garantir a viabilidade futura do proxecto.
A proposta da Deputación chega tras máis dun mes de traballo intenso motivado pola urxencia da situación. A proximidade do inicio da nova tempada obrigaba o club a adoptar decisións inmediatas sobre a configuración dos seus equipos, a continuidade das xogadoras, dos xogadores e do corpo técnico e a planificación deportiva, polo que a institución provincial, da man da súa Presidenta, Carmela López, iniciou un proceso de diálogo permanente coa directiva e co resto das administracións para intentar construír unha solución viable.
A colaboración da Deputación establece que esta achega extraordinaria se destinará a garantir a actividade ordinaria da entidade, o pagamento de nóminas e das obrigas prioritarias con acredores, mentres o club avanza no seu proceso de reestruturación e na captación de financiamento privado.
Neste marco, a Deputación encargou aos seus servizos técnicos unha análise económico-financeira da documentación presentada polo club co obxectivo de avaliar con rigor a situación da entidade e determinar cales debían ser as condicións para garantir a súa viabilidade futura. Segundo recolle o informe, a situación económico-financeira do Burela FS é complexa. Da documentación presentada despréndese a existencia dunha débeda superior aos 700.000 euros.
Os servizos técnicos conclúen que a proposta presentada polo club require unha solución máis ampla que unha achega extraordinaria puntual. O informe considera que a estabilidade futura da entidade require incrementar o financiamento dispoñible, avanzar nun proceso de reestruturación económica e financeira e reforzar a implicación do sector privado mediante a incorporación de novos patrocinadores e outras vías de financiamento que permitan consolidar un modelo económico máis sólido e sostible.
Máis dun mes de traballo coordinado
Durante todo este proceso, a Presidenta, Carmela López, e o Vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, mantiveron contactos permanentes coa directiva do Burela FS e cos representantes da Xunta de Galicia para explorar todas as alternativas posibles. Neste marco celebráronse reunións co anterior delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e tamén co actual responsable, Alfonso Villares, ademais das reunións de coordinación entre a Presidencia e a Vicepresidencia da Deputación.
Carmela López explica que desde o primeiro momento existiu unha vontade compartida de preservar un proxecto deportivo que representa a Burela, á Mariña e á provincia de Lugo dentro e fóra de Galicia, e que “máis títulos acadou e é un club histórico”. Por ese motivo, indicou, a Deputación combinou o diálogo institucional coa elaboración dunha análise técnica rigorosa que permitise adoptar unha decisión responsable e útil para o futuro da entidade.
López sinalou que a proposta da Deputación responde precisamente ás conclusións dese informe e ao traballo desenvolvido durante estas semanas. Destacou que a institución provincial cumpre coa súa responsabilidade poñendo enriba da mesa unha achega extraordinaria de 120.000 euros e expresou a súa confianza en que a Xunta de Galicia iguale ese esforzo. Lembra que a promoción e o apoio ao deporte forman parte das competencias da Xunta de Galicia, polo que considera necesario un esforzo equivalente por parte da Administración autonómica e pon en valor que a Deputación leva máis de vinte anos sendo unha das administracións que máis apoio prestou ao Burela FS, reforzando especialmente ese compromiso nos últimos anos dende Vicepresidencia.
Un compromiso compartido co futuro do club
A Presidenta incidiu en que esta nova etapa debe asentarse sobre un modelo de corresponsabilidade no que cada parte asuma o seu papel. Ao seu xuízo, a Deputación xa deu un paso adiante coa proposta económica formulada; agora corresponde á Xunta completar ese esforzo institucional e ao propio club avanzar no proceso de reestruturación interno iniciado e apostar por unha política de ingresos e gastos máis eficiente.
López subliña “que o obxectivo non é só resolver unha situación puntual, senón contribuír á construción dun proxecto máis forte, máis estable e con capacidade para afrontar o futuro con maiores garantías”.
Ademais, a Presidenta mostra tamén a súa satisfacción porque o Burela FS confirmase a inscrición dos seus dous equipos para a próxima tempada. Ao seu xuízo, esa decisión abre unha oportunidade para construír unha nova etapa máis sólida, baseada na responsabilidade compartida das administracións, no compromiso do propio club e na implicación do tecido empresarial.


























Están organizadas por Acisa e financiadas pola Área de Medio Rural e Mar da Deputación de Lugo. 25 locais hostaleiros ofrecen tapas e racións en diversas preparacións. Acisa repartiu entre os establecementos 1.100 quilos de mexillóns para esta cita gastronómica. Ata Ribadeo se achegou o deputado Dani García, que estivo xunto á presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, e os concelleiros ribadenses Martín Graña e Vicente Castro.
Neste espazo radiofónico Félix Jorquera falou coa alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; co concelleiro de Cultura, Manuel Arango; con José Cuadrado, presidente da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá e pregoeiro desta edición da festa; co chef Pedro Barreira; e con Antonio Irimia, presidente do club VespaFaba & Clásicos, de Lourenzá. Por diante queda toda unha fin de semana chea de actividades arredor da faba de Lourenzá. Os organizadores animan a acudir a esta cita.
Os asistentes puideron coñecer de preto unha particular viaxe que parte de Ribadeo e percorre Galicia en 37 etapas bordeándoa e combinando ciclismo, patrimonio, cultura e paisaxe. Jorge Justo estivo acompañado polo alcalde de Ribadeo, Dani Vega, e por Pablo Mosquera, ex director do Hospital da Costa (agora Hospital Público da Mariña).
Unha peza de teatro físico e manipulación de obxectos para público infantil e familiar que aborda a meta máis soñada polo ser humano: voar sen ás. Venda de entradas: no teléfono 982560162, en horario, de 9 a 14,00 horas, ou no correo electrónico cultura@viveiro.gal ou na taquilla unha hora antes da función. A cita será ás 18h.
O evento ofrecerá mel, produtos de tempada, artesanía, gastronomía e outras propostas locais. O Concello do Valadouro mantén aberto o prazo de inscrición para persoas e empresas expositoras, que poden presentar a súa solicitude na sede electrónica ou nas oficinas do Centro Socio-cultural, Xuvenil e da Terceira Idade “Manuel Lourenzo” ata o martes 6 de outubro, ou ata completar os postos dispoñibles.
Un particular informou minutos despois das 11 horas deste xoves dun camión que transportaba formigón envorcado no quilómetro 68 da N-640, á altura da parroquia de Ramil (Castro de Rei). Segundo explicou o mesmo alertador, o condutor permanecía no interior da cabina e outros dous turismos estaban implicados no accidente. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros de Vilalba e dos servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros confirmaron que non tiveron que excarcerar, pois a persoa estaba xa fóra do vehículo cando chegaron ao punto. Así, colaboraron na limpeza da vía cos servizos de mantemento da estrada.


