Alfoz, 27 de xuño de 2026. O Concello de Alfoz vén de obter unha subvención de 14.985 euros da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia para executar o proxecto de mellora e accesibilidade da ruta Pena Abaladoira–Fervenza de Escouridal, un dos principais recursos naturais e turísticos do municipio.
A axuda enmárcase na convocatoria destinada á conservación, recuperación e posta en valor do patrimonio natural e cultural nos espazos protexidos de Galicia e permitirá desenvolver diversas actuacións orientadas á mellora da experiencia das persoas visitantes e á divulgación dos valores ambientais da contorna da Serra do Xistral e da Rede Natura 2000.
O proxecto contempla a actualización dos paneis interpretativos existentes, incorporando novos contidos relacionados coa paisaxe, a biodiversidade, a xeomorfoloxía e o patrimonio natural da zona. Ademais, instalarase un novo panel informativo nun punto estratéxico da ruta e renovarase a sinalización mediante a colocación de frechas direccionais que facilitarán a orientación ao longo do percorrido.
A actuación tamén aposta pola innovación e a accesibilidade a través da incorporación de recursos dixitais, como códigos QR e contidos multimedia que permitirán ampliar a información dispoñible para as persoas visitantes. Entre as accións previstas inclúese o desenvolvemento de ferramentas virtuais que facilitarán a difusión e o coñecemento deste espazo natural, contribuíndo ao mesmo tempo á súa conservación.
A alcaldesa de Alfoz e responsable da área de Turismo, Efigenia Maseda, destacou a importancia desta subvención para continuar poñendo en valor os recursos naturais do municipio: “Alfoz conta cun patrimonio natural de enorme valor que debemos conservar, protexer e dar a coñecer. Esta actuación permitiranos mellorar unha das rutas máis emblemáticas do concello, reforzando a información, a orientación e a experiencia das persoas que a percorren, sempre desde o máximo respecto polo medio ambiente”.
A rexedora sinalou tamén que “o turismo de natureza é unha oportunidade para dinamizar o territorio e para mostrar a riqueza paisaxística e ambiental que temos en Alfoz. Queremos que cada vez máis persoas descubran espazos tan singulares como Pena Abaladoira e a Fervenza de Escouridal, contribuíndo ao mesmo tempo á súa conservación e valorización”.
A subvención está financiada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Xunta de Galicia, no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027.
Con esta actuación, o Concello de Alfoz continúa avanzando na protección, conservación e promoción do seu patrimonio natural, reforzando a súa aposta por un turismo sostible vinculado á natureza, á educación ambiental e á posta en valor da paisaxe.
.
























Están organizadas por Acisa e financiadas pola Área de Medio Rural e Mar da Deputación de Lugo. 25 locais hostaleiros ofrecen tapas e racións en diversas preparacións. Acisa repartiu entre os establecementos 1.100 quilos de mexillóns para esta cita gastronómica. Ata Ribadeo se achegou o deputado Dani García, que estivo xunto á presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, e os concelleiros ribadenses Martín Graña e Vicente Castro.
Neste espazo radiofónico Félix Jorquera falou coa alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; co concelleiro de Cultura, Manuel Arango; con José Cuadrado, presidente da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá e pregoeiro desta edición da festa; co chef Pedro Barreira; e con Antonio Irimia, presidente do club VespaFaba & Clásicos, de Lourenzá. Por diante queda toda unha fin de semana chea de actividades arredor da faba de Lourenzá. Os organizadores animan a acudir a esta cita.
Os asistentes puideron coñecer de preto unha particular viaxe que parte de Ribadeo e percorre Galicia en 37 etapas bordeándoa e combinando ciclismo, patrimonio, cultura e paisaxe. Jorge Justo estivo acompañado polo alcalde de Ribadeo, Dani Vega, e por Pablo Mosquera, ex director do Hospital da Costa (agora Hospital Público da Mariña).
Unha peza de teatro físico e manipulación de obxectos para público infantil e familiar que aborda a meta máis soñada polo ser humano: voar sen ás. Venda de entradas: no teléfono 982560162, en horario, de 9 a 14,00 horas, ou no correo electrónico cultura@viveiro.gal ou na taquilla unha hora antes da función. A cita será ás 18h.
O evento ofrecerá mel, produtos de tempada, artesanía, gastronomía e outras propostas locais. O Concello do Valadouro mantén aberto o prazo de inscrición para persoas e empresas expositoras, que poden presentar a súa solicitude na sede electrónica ou nas oficinas do Centro Socio-cultural, Xuvenil e da Terceira Idade “Manuel Lourenzo” ata o martes 6 de outubro, ou ata completar os postos dispoñibles.
Neste curso a actividade estará dispoñible para as nosas pequenas Xoias e para alumnado externo, cunha sesión semanal, a cargo de Yasmin Toledo e Patrícia Sousa, do equipo de Segunda División. O alumnado poderá escoller o seu horario de adestramento entre os luns (16:00 h.-17:00 h., Vista Alegre) e os venres (19:30 h.-20:30 h., Monte Castelo). A actividade terá un custo de 6€/mes para o alumnado da escola laranxa e 24€/mes para o alumnado externo.
Un particular informou minutos despois das 11 horas deste xoves dun camión que transportaba formigón envorcado no quilómetro 68 da N-640, á altura da parroquia de Ramil (Castro de Rei). Segundo explicou o mesmo alertador, o condutor permanecía no interior da cabina e outros dous turismos estaban implicados no accidente. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros de Vilalba e dos servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros confirmaron que non tiveron que excarcerar, pois a persoa estaba xa fóra do vehículo cando chegaron ao punto. Así, colaboraron na limpeza da vía cos servizos de mantemento da estrada.



