O partido lembra que o vehículo xa acumulou sancións anteriores e esixe “transparencia e responsabilidade” no uso dun recurso público destinado a servizos de emerxencia
Mondoñedo, 26 de xuño, 2026. O PSOE de Mondoñedo denuncia que o vehículo de Protección Civil está a circular coa ITV caducada, malia ser un recurso público financiado cos impostos de toda a veciñanza. Os socialistas avanzan que pedirán explicacións políticas ao PP na próxima sesión plenaria. “Queremos saber por que non se pasou a revisión cando correspondía e, o máis grave, por que continúa circulando un vehículo municipal sen a ITV en vigor”, sinalan.
Segundo explican, a ITV caducou no mes de maio, tal e como indica a pegatina do propio coche. O 12 de xuño acudiu á inspección, que resultou desfavorable. Ademais, lembran que o 13 de xuño a Xefatura de Tráfico requiriu o servizo de Protección Civil para asistir ao accidente de Maariz no que faleceu unha peregrina, co obxectivo de trasladar ao acompañante ata Lugo. Porén, o servizo non acudiu. “Que utilidade ten un servizo de emerxencias se, por falta de control do goberno local, non pode cumprir a súa función cando é necesario?”, pregúntanse. Engaden que, malia todo isto, o vehículo continuou circulando tanto tras a caducidade da ITV como despois do resultado desfavorable.
O PSOE destaca tamén que, no accidente de Maariz, o Concello optou por contratar un taxi para trasladar ao acompañante, “demostrando que existen alternativas seguras cando se actúa con responsabilidade”.
Dúas multas previas polo mesmo vehículo
Os socialistas lembran que non é un caso illado. Xa denunciaran dúas multas previas relacionadas co mesmo coche: unha por exceso de velocidade e outra na que, segundo o PSOE, o concelleiro de Obras deu positivo nun control de alcoholemia mentres conducía o vehículo municipal. “Falamos dun patrón de descontrol e uso inadecuado dun recurso público, que o PP non só non corrixe, senón que parece asumir con total normalidade”, afirman.
“O PP esquece as obrigas, pero non o uso social do vehículo”
Para o PSOE, resulta “chamativo” que o goberno local “esqueza” pasar a ITV e atender ás obrigas legais, pero continúe empregando o vehículo para actividades sociais. “Numerosos veciños e veciñas poden comprobar que o coche segue circulando, malia estar en situación irregular. Isto non é un despiste: é unha forma de gobernar”, denuncian.
Por todo isto, o PSdeG-PSOE de Mondoñedo esixe ao PP “transparencia, responsabilidade e o cumprimento estrito das obrigas legais en materia de seguridade viaria, especialmente cando se trata de vehículos destinados a servizos públicos e de emerxencia”.





















Os concertos serán os xoves ás 20:30 h e incluirán propostas variadas como The Swinging Flamingos, Terrae & Nastasia Zürcher, César de Centi, Silvia Penide, Bela Clarlo, Disquetera e unha sesión especial de DJ Mr. Fishman o 11 de agosto. O Concello destaca que esta iniciativa busca dinamizar os espazos públicos, ampliar a oferta cultural do verán e converter a alameda nun punto de encontro para veciñanza e visitantes.
Renova o seu compromiso co club despois de facerse cargo do equipo a mediados da campaña pasada. O técnico pontenovés afrontará este novo ciclo con traballo, compromiso e ilusión para seguir liderando a nave celeste.
O evento, organizado por O Arco da Vella coa colaboración do Concello de Barreiros e o CEIP San Miguel, contará coa participación dos grupos ACF Gamelas e Anduriñas de Espasante e O Arco da Vella de San Miguel de Reinante. Antes do festival haberá un pasarrúas con saída desde a Praza do Souto.
A actividade puxo o broche final ao Programa Integral de Envellecemento Activo Municipal cunha charla sobre a xestión emocional das enfermidades neurodexenerativas, impartida pola psicóloga Carmen Breijo, da Fundación Degén, quen ofreceu un espazo de reflexión, aprendizaxe e orientación. A sesión contou tamén coa presenza do concelleiro Alfredo Fernández, que destacou a importancia de crear espazos de participación, coidado e benestar para as persoas maiores. O Concello agradeceu a colaboración da Asociación de Xubilados Terramar e da Fundación Degén, así como a participación de todas as persoas asistentes.
No acto acompañará ao autor o filólogo e escritor Ramón Reimunde.
O alumnado de 2º curso das familias profesionais de Instalacións e Mantemento, Imaxe Persoal e Administración e Xestión remataron o curso e a súa formación en centros de traballo co que xa conseguiron a súa titulación como técnicos de grao medio ou grao superior para incorporarse ao mercado laboral. Desde o IES Perdouro, destácase o alto grao de empregabilidade destas ensinanzas e a importancia que para o ámbito laboral ten a incorporación destes profesionais, ao mesmo que lles trasladamos os parabéns pola súa recente titulación.



