Os operarios comezaron hoxe a segunda pasada nas estradas provinciais onde xa remataron os primeiros desbroces iniciados en maio e no resto das vías os equipos continúan executando as rozas que comezaron o pasado 1 de xuño
Lugo, 1 de xullo de 2026. A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, anunciou este mércores que a institución provincial inicia hoxe a segunda fase do Plan Provincial de Roza. Detallou que os operarios comezaron esta mañá a darlle unha segunda pasada ás estradas provinciais onde xa remataron os primeiros desbroces -iniciados en maio- e no resto das vías os equipos continúan executando as rozas que comezaron o 1 de xuño.
Un novo operativo co que a Deputación reforzou o servizo de conservación da rede viaria provincial de maneira significativa para garantir un mantemento máis continuo e eficaz das estradas ao longo da primavera e do verán.
Hoxe os traballos desta segunda fase estanse desenvolvendo en Cervo, O Vicedo, Xermade, Ribadeo, Mondoñedo, Riotorto, Cospeito, Pol, Castroverde, Friol, Láncara, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Portomarín, Carballedo, Monforte de Lemos e Sober.
López lembrou que este ano a institución provincial destinou 2,4 millóns de euros ao Plan Provincial de Roza, un investimento que permitiu incrementar a prestación do servizo en máis dun 75%, conseguindo que a maior parte da rede provincial reciba dúas intervencións de desbroces anuais. “Queríamos que ese esforzo se traducise nun mantemento máis continuo das estradas ao longo de toda a campaña. Esta segunda pasada é a mellor demostración de que ese obxectivo xa se está cumprindo, mellorando a seguridade viaria e as condicións de circulación en toda a provincia”, destacou a Presidenta.
A segunda pasada que comeza hoxe permitirá actuar de novo nas vías nas que xa se completou a primeira intervención, permitindo manter as marxes en condicións óptimas durante os meses de maior crecemento da vexetación. Ao mesmo tempo, a campaña segue avanzando no resto da provincia conforme á planificación establecida, de maneira que os equipos continúan desenvolvendo os traballos previstos nas distintas zonas da rede viaria.
Mentres hoxe se inicia a segunda pasada nas zonas 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 10, 11, 12, 13, 14, 16, 17, 20, 21, 23 e 24, onde a campaña arrancou no mes de maio, nas zonas 9, 15, 18, 19 e 22 os equipos continúan executando os traballos iniciados o pasado 1 de xuño. Deste xeito, a Deputación mantén despregado o operativo de roza en toda a provincia, actuando de maneira simultánea en función da planificación establecida para cada zona.
As actuacións que se executan nesta segunda pasada abranguen o desbroce das marxes das estradas, dos noiros, da contorna da sinalización vertical, das barreiras de seguridade e do gálibo. Trátase de traballos fundamentais para mellorar a visibilidade en curvas, cruces e incorporacións, facilitar a circulación, incrementar a seguridade viaria e contribuír á conservación das estradas provinciais durante a época estival.
Ademais, o mantemento periódico da vexetación favorece tamén as tarefas de inspección e conservación da infraestrutura viaria, facilita a drenaxe das cunetas e reduce os riscos derivados da acumulación de maleza nas marxes das estradas.
A campaña desenvólvese de maneira coordinada nas 24 zonas nas que a Deputación organiza a conservación da súa rede provincial, o que permite adaptar o ritmo das actuacións ás necesidades de cada territorio e optimizar os recursos dispoñibles.
A rede viaria provincial supera os 4.200 quilómetros, sendo a máis extensa de Galicia e unha das máis importantes do conxunto do Estado, polo que require un labor permanente de conservación para garantir a mobilidade entre os concellos e ofrecer unhas comunicacións seguras e de calidade.
A Presidenta subliñou que este operativo “é un exemplo do compromiso da Deputación cun mantemento planificado e continuo das estradas provinciais, porque conservar en boas condicións a nosa rede viaria é investir na seguridade das persoas, na cohesión do territorio e na calidade de vida da veciñanza, especialmente no rural”.
As 24 zonas nas que está dividida a rede provincial para desenvolver os desbroces son as seguintes:
– Zona 1: O Vicedo, Viveiro, Xove e Ourol.
– Zona 2: Burela, Cervo, Foz, O Valadouro e Alfoz.
– Zona 3: Muras, Xermade e Vilalba.
– Zona 4: Barreiros, Ribadeo, Trabada e Lourenzá.
– Zona 5: Mondoñedo e Abadín.
– Zona 6: A Pontenova, Riotorto e A Pastoriza.
– Zona 7: Cospeito, Rábade, Outeiro de Rei, Guitiriz e Begonte.
– Zona 8: Castro de Rei, Pol e Meira.
– Zona 9: Lugo e Guntín.
– Zona 10: Castroverde e O Corgo.
– Zona 11: Friol.
– Zona 12: Baleira, Baralla e Láncara.
– Zona 13: Ribeira de Piquín e A Fonsagrada.
– Zona 14: Negueira de Muñiz e Navia de Suarna.
– Zona 15: Becerreá e As Nogais.
– Zona 16: Cervantes e Pedrafita do Cebreiro.
– Zona 17: Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín e Palas de Rei.
– Zona 18: O Páramo, Paradela e Sarria.
– Zona 19: O Incio, Triacastela e Samos.
– Zona 20: Taboada e O Saviñao.
– Zona 21: Chantada e Carballedo.
– Zona 22: Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil.
– Zona 23: Bóveda, Pobra do Brollón e Monforte de Lemos.
– Zona 24: Pantón e Sober.



















Ademais, a medida responde a razóns de seguridade e operatividade, xa que a presenza de público nestas xornadas impide que os camións de recollida poidan acceder e circular con garantías por esta zona. Durante eses cinco días, os contedores permanecerán instalados nos seus emprazamentos habituais para que a veciñanza e os visitantes poidan depositar neles os residuos. Ademais, o servizo de limpeza reforzará as tarefas nos puntos vinculados á celebración do festival. O Concello solicita a colaboración da cidadanía para manter os espazos públicos nas mellores condicións posibles.
"Este éxito é froito do teu esforzo, dedicación e constancia, e é un orgullo para todo o noso concello. Desexámosche moitos máis éxitos deportivos e que sigas representando a Cervo e ao Club Deportivo San Ciprián con tanta ilusión e talento", salientan desde o consistorio.
A mostra reúne imaxes tomadas en Galicia, Cataluña, Aragón, Andalucía, Senegal e Escocia, ofrecendo un percorrido pola biodiversidade e polos vínculos entre distintos ecosistemas. O fotógrafo, naturalista especializado en ornitoloxía, invita a contemplar a natureza cunha mirada pausada e consciente a través de 50 especies de fauna. Permanecerá aberta ata o 29 de xullo.
Con este xesto simbólico, expresou a súa solidariedade co pobo venezolano, trasladando o seu apoio ás familias das persoas falecidas, feridas e afectadas por unha traxedia que continúa deixando un elevado número de vítimas e miles de damnificados.
O obxectivo é facilitar que os mozos e mozas que o desexen poidan facer uso destas instalacións. A medida permitirá empregar o campo para a práctica deportiva e para a organización de partidos informais durante o período estival. Desde o Concello de Viveiro sublíñase a importancia de ofrecer espazos deportivos accesibles durante as vacacións de verán e de favorecer hábitos de lecer activo entre a mocidade.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, visitouna no seu domicilio para felicitala e entregarlle un ramo de flores en nome de toda a veciñanza. Nada en Sargadelos e veciña de Cervo, foi a máis nova de dez irmáns e desde moi nova traballou no campo e coidou dos animais, sempre cun gran espírito de esforzo. Nai, avoa e bisavoa, a súa familia destaca a súa alegría, enerxía e bo humor. Moi activa ao longo da súa vida, gozaba de viaxar, da praia, de conducir e de participar nas actividades municipais, ademais de cultivar a súa paixón por cantar. Coqueta, sorrinte e cun espírito novo, Benedicta é hoxe un exemplo de vitalidade para todo o municipio.
A convocatoria foi realizada polo Concello para amosar a solidariedade de Ribadeo con esta catástrofe natural.



