A Mariña, 5 de outubro de 2026. Aproveitando que a vindeira fin de semana será un pouco máis longa, ao sumarse o festivo do luns, 12 de outubro, os Plans con corazón ofrecen unha oportunidade única para coñecer os municipios de Ourol, Foz e Barreiros, lugares nos que o seu patrimonio cultural e natural será o gran protagonista. Aínda quedan prazas libres para as actividades do sábado e o domingo, en Ourol e Foz, mentres que para o plan do luns en Barreiros xa están ocupadas todas as prazas.
Todas as persoas interesadas poder formalizar a inscrición a través do enlace: https://amarinalucense.gal/gl/a-marina-plans-con-corazon As prazas son limitadas e por orde de inscrición. Cada actividade terá un custo que varía entre os 5€ (inscrición individual), os 9€ (inscrición en parella) e os 15€ (inscrición en grupo), un prezo que inclúe a visita guiada e os seguros de Responsabilidade Civil e accidentes.
Plans con corazón é unha exitosa iniciativa que este ano chega á súa sétima edición para dar a coñecer un pouco máis o xeodestino A Mariña Lucense. Conta cunha proposta de actividades variada e atractiva, liderada por guías oficiais de Galicia coñecedores do patrimonio local, tamén por perfís especializados en xeoloxía e ornitoloxía e por todos os anfitrións participantes. Estes expertos colaboran coa Mancomunidade e coa empresa Volta Montana para configurar esta iniciativa coa que amosar A Mariña como un destino singular e diverso, contribuír á desestacionalización do turismo -xa que busca achegar visitantes fóra dos meses de temporada alta- e ampliar o coñecemento do territorio a nivel local. Trátase dun proxecto para conectar coa esencia da Mariña a través de propostas que nos achegan a espazos e actividades que moitas veces non se coñecen. Esta é, sen dúbida, unha proposta máis próxima, máis auténtica e máis conectada coas persoas que viven e traballan no territorio.
Os guías oficiais son Noela Feal, Carmen Delia, Ana Pena e Boris Vilar, guías acreditados ademais co selo de calidade turística SICTED para o destino A Mariña Lucense; Juan Fernandes, o guía especializado en xeoloxía Iván Rodríguez; e o guía especializado en ornitoloxía Saúl Román.
A Mancomunidade Concellos da Mariña promove este programa de actividades no marco dos convenios de colaboración anuais coa Axencia de Turismo de Galicia e a Deputación de Lugo, co obxectivo de ofrecer actividades de lecer singulares que poñan en valor o territorio, permitan á poboación coñecer e gozar do territorio e contribúan á desestacionalización do turismo neste destino.
Novidades 2026
Nesta edición, como primeira novidade, incorpórase a participación de varios produtores que a principios de anos formaron parte do Modelo de Innovación Sostible de Experiencias Agroturísticas (MISEA), unha iniciativa impulsada pola Secretaría de Estado de Turismo a través de SEGITTUR, en colaboración coa Mancomunidade, para promover experiencias agroturísticas que diversifiquen a oferta turística, atraian a novos visitantes e contribúan á desestacionalización do turismo. Os produtores que participarán nos Plans con corazón 2026 son: Cooperativas Terras da Mariña; Mel O Poder das Flores; Shiifos Micoloxía; Grupo Naterra; e a Mancomunidade de Montes en man común de Frexulfe no Valadouro.
A segunda novidade deste ano é a participación de Mar Aberto, un proxecto de 3 alumnos do grao de Turismo da UDC: Anxo García, Diego Rodríguez e Juan Fernandes, que xorde co obxectivo de ofrecer un roteiro accesible e inclusivo en torno ao patrimonio mariñeirona Mariña Lucense.
Próximas actividades Plans con Corazón 2026
OUROL Sábado 10 outubro
Caleiras ourolenses. Con Noela Feal
Do uso común ao total desuso
Hai só unhas décadas, xunto á actual capital do concello de Ourol existían tres fornos de cal. De alí saía a cal para uso agrícola, gandeiro, químico, construtivo e tamén médico. Poñíase á venda nun almacén próximo (que tamén se inclúe neste plan) en Rega.
Un sinxelo pero sorprendente percorrido a pé visitando este patrimonio cultural esquecido e tan útil naqueles tempos.
FOZ Domingo 11 outubro
Historias para brindar. Con Ana Pena.
As rúas de Foz serán o escenario principal da ruta, na que imos coñecer as persoas, os acontecementos e as curiosidades que deron forma a esta vila mariñeira ao longo do tempo.
Unha viaxe entre historia e vida cotiá que rematará na cervexaría Augas Santas, cunha cata guiada de cervexas artesás exclusivas, dispoñibles unicamente neste lugar. Inclúe unha introdución ao proceso de elaboración, explicación dos ingredientes, degustación de varios tipos de cervexa con pautas de cata e maridaxe e sorpresa final.
BARREIROS Luns 12 outubro
Descubrindo as aves de Barreiros. Con Saúl Román.
Paseo de iniciación á observación de aves en Barreiros.
Esta sinxela ruta de observación de aves levará aos asistentes desde a Lagoa dos Patos ata a contorna da ría, percorrendo diferentes ambientes naturais de Barreiros e achegándose progresivamente ás zonas de maior interese para as aves acuáticas.
O paseo prestará especial atención ás aves acuáticas, limícolas e outras especies asociadas a estes ambientes, aproveitando as condicións do día e da marea para intentar localizar o maior número posible de especies. A actividade está pensada para todos os públicos, incluídas aquelas persoas que se achegan por primeira vez ao mundo da observación de aves. Non é necesario ter experiencia previa; simplemente ter a curiosidade necesaria para observar e descubrir a natureza do lugar.
O VALADOURO Sábado 17 outubro
A fraga das Lerias, un refuxio natural na serra do Xistral. Con Boris Vilar.
A gandería extensiva tradicional e os recursos naturais no Valadouro.
Na parroquia de Santa Eulalia de Frexulfe, da man da súa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común, os participantes coñecerán un enclave no que se conservan os usos tradicionais da paisaxe de montaña da Mariña. O gando equino e vacún segue alimentándose nos altos da zona e nos bosques da contorna atopan refuxio distintas especies animais. Isto lembra a importancia da preservación deste tipo de espazos. Xunto a isto, a rica tradición oral do Valadouro axudará a ter unha mellor perspectiva da relación entre o ser humano e a natureza.
LOURENZÁ Domingo 18 outubro
Historias que se cultivan. Con Ana Pena.
Un percorrido que une patrimonio, natureza e gastronomía.
Visita ao antigo cine de Lourenzá, paseo á beira do río Baos e coñecemento dun dos produtos máis emblemáticos da comarca: a Faba de Lourenzá. Este plan achegará aos asistentes ata a Cooperativa Terras da Mariña para coñecer o seu labor e o proceso de produción dos produtos locais; e tamén á contorna do muíño de O Pereiro para aprender máis sobre as plantacións e o cultivo desta leguminosa. A experiencia rematará cunha pequena degustación.
MONDOÑEDO Sábado 24 outubro
Mondoñedo das letras e da música. Con Carmen Delia.
Un paseo polos fondos literarios da localidade e pola memoria das súas persoas ilustres.
Entre versos, historias e sons, Mondoñedo invita a mergullarse no seu rico legado cultural. Da man de Cunqueiro, Leiras Pulpeiro, o mestre Pacheco ou algunhas ilustres voces femininas, a ruta percorrerá recunchos vinculados á historia cultural da vila, como o Museo da Imprenta, o Centro de Interpretación da Alcántara ou a Biblioteca do Seminario.
XOVE Domingo 25 outubro
O San Antonio da Rigueira e a ruta dos muíños. Con Boris Vilar.
Etnografía e lendas á beira do río.
Seguindo o curso do río Rigueira atópanse un gran número de muíños, a maioría xa abandonados, agás o muíño de Abad, que actúa como testemuña dunha das actividades máis importantes para a etnografía galega, e especialmente para o concello de Xove. Ao final do percorrido, na igrexa de San Miguel da Rigueira, poderase observar a imaxe de San Antón Ventureiro que leva asociada unha interesante lenda e que conta cunha enorme devoción, que se manifesta nunha das romarías con maior arraigo da Mariña.
VIVEIRO Sábado 31 outubro
Montes do Buio, as turbeiras de Viveiro. Con Boris Vilar
Ruta polo bosque das Saimas e o Curro do Candaoso.
A parroquia de Santo André de Boimente, na zona máis meridional do concello de Viveiro, é unha das menos concorridas da localidade. Porén, atesoura un amplo patrimonio que vai desde a presenza de distintos xacementos arqueolóxicos de interese ata a tradicional celebración da rapa das bestas. Situado aos pés dos montes do Buio, o bosque das Saimas é probablemente o último reduto do bosque húmido atlántico no municipio.
BURELA Domingo 1 novembro
Burela é pintadiña en… Con Noela Feal
As pinturas en Burela do S. XV ao XXI.
Desde as pinturas medievais que se atopan na igrexa da Vila do Medio ata as máis actuais, localizadas nas proximidades da Confraría de Pescadores de Burela, os participantes analizarán neste percorrido circular a importancia da pintura neste concello: murais e alfombras florais enchen esta vila de cor e vida ao longo do ano.
RIOTORTO Sábado 7 novembro
O mago Merlín e o seu amigo Don Pedro. Con Noela Feal
Entre literatura e alquimia.
Coñecendo a adega que albergou o primeiro lagar de sidra natural do noroeste galego, a Bodega Don Pedro Leivas, escribiremos un novo capítulo da obra mestra de Álvaro Cunqueiro «Merlín e Familia» mediante unha ruta lineal na que se pasará por lugares xa mencionados nesa obra, como a propia morada do mago, onde rematará o percorrido.
O VICEDO Sábado 14 novembro
Entre dunas e volcáns. Con Iván Rodríguez Lombardero
Ruta xeolóxica pola praia de San Román – Arealonga-
A praia de San Román – Arealonga, no Vicedo, conta cun importante potencial para a divulgación xeolóxica. Nela aparece unha gran variedade de rochas de idade cámbrica e ordovícica, algunhas delas moi singulares, como os gneises de ollo de sapo
Ademais, pódense analizar as formas dos seus cantís e as resultantes da interacción do mar co regato de O Vilar e o cordón dunar, o que permite interpretar a súa historia desde a orixe das rochas ata as formas e procesos actuais.
CERVO Sábado 14 novembro
San Cibrao, o ciclo vital da madeira. Con Anxo García e Juan Fernandes
Tradición e artesanía accesible na Mariña Lucense.
Descubre a vila mariñeira de San Cibrao a través dos seus oficios tradicionais, da súa historia e da súa estreita relación coa madeira e co mar.
Un percorrido que permitirá coñecer o legado dos antigos serradoiros, dos emblemáticos estaleiros, como o de Francisco Fra, con máis de 200 anos de historia, e a importancia da actividade baleeira, hoxe conservada no Museo Provincial do Mar.
Ao longo dun itinerario lineal de aproximadamente 2 quilómetros, os participantes percorrerán as distintas fases do ciclo vital da madeira, desde a súa transformación ata a súa utilización na construción naval e noutros usos tradicionais. Descubrirán o traballo dos carpinteiros de ribeira, auténticos artesáns do patrimonio marítimo, e comprenderán como a madeira, como recurso esencial, foi modelando a economía, a paisaxe e a identidade de San Cibrao ao longo dos séculos.





















A artista, referente da música popular galega, conectou cun público diverso que gozou dunha sesión vermú marcada por máis de trinta anos de traxectoria. O concerto serviu tamén como despedida e recoñecemento a Valentín González e Viviana Pérez, que deixan a organización da comisión de festas tras dúas décadas. O deputado de Mocidade, Daniel García, destacou a importancia da implicación veciñal para manter vivas as celebracións que fortalecen a identidade comunitaria e reafirmou o apoio da Deputación ás redes asociativas e á programación cultural en galego. A actuación forma parte da iniciativa provincial para achegar música tradicional e en galego a todos os públicos.
Cómpre sinalar que este produto conta cun distintivo de calidade diferenciada, a Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá, un dos 36 selos recoñecidos en Galicia que amparan a súa excelencia. Neste sentido, a Xunta vén de lanzar a nova marca Aquí Sabemos, coa que se busca reforzar o coñecemento e a identificación por parte dos consumidores dos produtos alimentarios galegos protexidos por figuras de calidade diferenciada.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
O evento ofrecerá mel, produtos de tempada, artesanía, gastronomía e outras propostas locais. O Concello do Valadouro mantén aberto o prazo de inscrición para persoas e empresas expositoras, que poden presentar a súa solicitude na sede electrónica ou nas oficinas do Centro Socio-cultural, Xuvenil e da Terceira Idade “Manuel Lourenzo” ata o martes 6 de outubro, ou ata completar os postos dispoñibles.
Estiveron organizadas por Acisa e financiadas pola Área de Medio Rural e Mar da Deputación de Lugo. 25 locais hostaleiros ofreceron tapas e racións en diversas preparacións. Acisa repartiu entre os establecementos 1.100 quilos de mexillóns para esta cita gastronómica. Ata Ribadeo se achegou o deputado Dani García, que estivo xunto á presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, e os concelleiros ribadenses Martín Graña e Vicente Castro.
Neste espazo radiofónico Félix Jorquera falou coa alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; co concelleiro de Cultura, Manuel Arango; con José Cuadrado, presidente da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá e pregoeiro desta edición da festa; co chef Pedro Barreira; e con Antonio Irimia, presidente do club VespaFaba & Clásicos, de Lourenzá. Por diante queda toda unha fin de semana chea de actividades arredor da faba de Lourenzá. Os organizadores animan a acudir a esta cita.
Os asistentes puideron coñecer de preto unha particular viaxe que parte de Ribadeo e percorre Galicia en 37 etapas bordeándoa e combinando ciclismo, patrimonio, cultura e paisaxe. Jorge Justo estivo acompañado polo alcalde de Ribadeo, Dani Vega, e por Pablo Mosquera, ex director do Hospital da Costa (agora Hospital Público da Mariña).



