
10,00 h.- O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, reunirase por videoconferencia cos responsables do Programa Integrado de Emprego (PIE) da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo. Na Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral (edificio administrativo de San Lázaro, 1º andar).
foto xoán crespo
18/06/2020
Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2020. O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, reuniuse esta mañá mediante videoconferencia cos responsables do Programa Integrado de Emprego (PIE) da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo.
Casal apuntou que unha recuperación económica e laboral plena do tecido empresarial lucense debe levar consigo unha aposta conxunta por unha formación especializada; unha recuperación que, insistiu o director, implica situar a educación no eixo principal da reactivación ante o novo escenario económico. Deste modo, subliñou a importancia da formación como dinamizadora do emprego, respondendo efectivamente ás demandas dos mercados laborais e blindando así o tecido empresarial, en especial pemes e autónomos.
Neste sentido, o responsable de Orientación e Promoción Laboral encomiou o traballo que se está a realizar nos programas formativos galegos, que recollen unha formación dual e flexible orientada á inserción laboral. Estes programas tiveron que suspender as súas leccións físicas durante o estado de alarma, adaptándose a un formato virtual, pero Casal salientou que a vontade da Xunta é reinstaurar os programas presenciais a partir do vindeiro 1 de xullo, cun calendario lectivo que recupere as sesións perdidas, adaptadas xa aos protocolos sanitarios pertinentes.
O PIE da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo conta coa participación de 100 alumnos, todos eles en situación de desemprego e pertencentes a diversos colectivos sociais. O alumnado recibe formación en operacións básicas de hostalería, ademais de contar con aprendizaxe transversal en competencias dixitais (TIC, redes sociais, etc.) e idiomas (inglés, francés…). Inclúe tamén visitas a ETT’s, feiras de emprego e axencias de colocación.