Lugo, 20 de agosto de 2020. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a presidenta da ANPA do Centro de Educación Especial Santa María de Lugo e da Asociación de Persoas con Parálise Cerebral (ASPACE), Mª Carmen Bermúdez Lodeiro, asinaron este xoves no Pazo de San Marcos dous convenios de colaboración para apoiar a estas dúas entidades.
O organismo provincial destina 12.000€ para colaborar na actuación Nós tamén xogamos que realiza a ANPA do Centro de Educación Especial Santa María de Lugo. Este programa consiste na realización de ocio e tempo libre con preto de 10 alumnos con discapacidade do colexio. As actividades realízanse durante o curso escolar e a maiores durante 5 semanas no verán.
A Deputación destina por outra banda outros 12.000€ a ASPACE para o Programa de estimulación multisensorial, que consiste na realización de actividades, como pode ser piscina climatizada ou sesións de fisioterapia, das cales poden desfrutar preto de 20 usuarios e usuarias.
O Presidente subliñou o compromiso da institución cos colectivos do terceiro sector para mellorar o benestar e a calidade de vida das persoas con capacidades diferentes. A través destas colaboracións, as asociacións poden financiar diferentes actividades adaptándose ás necesidades físicas dos usuarios e progresar no seu día a día.