Nota de Prensa
O BNG DE FOZ PRESENTA UNHA MOCIÓN EN APOIO DA MANIFESTACIÓN DO 17 DE MAIO EN DEFENSA DO IDIOMA
“Os gobernantes do PP teñen que darse conta de que se están aí é por obra e gracia do idioma galego”
Foz, 13 de maio de 2010.- A celebración do 17 de Maio, Día das Letras Galegas, presenta este ano 2010 especiais características que reafirman o carácter reivindicativo desta data. Nunca até o momento, nos case 30 anos de vixencia do actual Estatuto de Autonomía, un goberno da Xunta de Galiza se atrevera a aplicar unha política lingüística tan agresiva e regresiva, chegando á vulneración da legalidade vixente e á anulación dos dereitos democráticos no ámbito lingüístico. Esta estratexia, deseñada en base á construción dunha monumental mentira (a imposición do galego), abrangue a práctica totalidade das consellarías e departamentos do Goberno galego, e ten a ver tanto coa imposición de medidas político- administrativas que relegan ou exclúen o galego, así como con liñas discursivas e de actuación práctica que devalúan e estigmatizan o noso idioma.
Así ocorre, singularmente, no caso de ensino. As denominadas “Bases para o Decreto do Plurilingüismo” consideran na práctica ao galego como un idioma non apto para o ensino das matemáticas, da física, da química ou da tecnoloxía. Mesmo van provocar que milleiros de nenas e nenos galegos non teñan dereito durante toda a etapa infantil (até os seis anos) a manteren un mínimo contacto coa lingua galega no propio sistema educativo. Perséguese, en definitiva, o uso e o contacto co noso idioma precisamente nas franxas de idade máis sensíbeis.
Para o BNG esta obsesiva vontade é tamén comprobábel noutros ámbitos: modifícase a Lei da Función Pública para eliminar calquera proba obrigatoria en galego nos procesos selectivos de persoal, vulnérase a Lei 4/2006 no referente ao uso público do galego por parte de membros e altos cargos do Goberno, exclúese o galego das oposicións ao ensino e á sanidade, suprímense axuda á tradución ao galego (caso único no Estado español), exclúese o galego de diversas páxinas web oficiais, realízanse campañas institucionais en español (Galicia Calidade), instálase sinaléctica en español nas estradas (Xacobeo), e así sucesivamente. Mesmo chegan a “enxalzar” a figura de Uxío Novoneira, a quen este ano se lle dedica a conmemoración do Día das Letras, traducindo a súa obra ao español.
Sofre Galiza, daquela, un Goberno que lexisla e dita normativas co obxecto de reducir aínda en maior medida a presenza da lingua galega nos ámbitos máis diversos, que toma decisións concretas para residualizalo na propia administración, que vulnera e incumpre a legalidade vixente e de obrigado cumprimento, e que pretende inculcar na sociedade os peores esquemas de desprezo, de humillación, de anulación colectiva.
Por todo isto, o 17 de Maio, Día das Letras Galegas, está convocada unha manifestación dos galegos e galegas en defensa do idioma galego, polo que se lle propón ao Pleno da Corporación municipal a adopción dos seguintes acordos:
1. Apoiar a manifestación convocada pola Plataforma Queremos Galego en defensa do noso idioma que terá lugar o 17 de Maio, en Santiago de Compostela e cantas outras manifestacións se fagan en defensa do galego e da súa implantación social.
2. Programar desde o Concello de Foz ao longo do ano todo tipo de actividades de promoción do uso do galego na sociedade cara a súa normalización.
3. Rexeitar ás “Bases para o Decreto de Plurilingüismo” feitas públicas pola Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria, e reafirmar o compromiso municipal co consenso estabelecido, no ámbito do ensino, no Plano Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado de xeito unánime polo Parlamento de Galiza en setembro de 2004.
4. Manifestar a adhesión ao texto da “Iniciativa Popular pola Garantía dos Dereitos Lingüísticos”, promovida pola Plataforma Queremos Galego.
















A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
A Garda Civil de Burela tomou declaración este 10 de xuño a unha representante do departamento en liña de Porcelana de Sargadelos, que denunciou unha estafa na que se emprega a imaxe da empresa para enganar clientes. Segundo explicou, desde finais de abril están a aparecer páxinas web falsas con descontos do 80% e perfís fraudulentos en redes sociais como Instagram, TikTok e Facebook, a través dos que varios usuarios xa foron estafados. A compañía presentou denuncias contra distintos dominios e contas, das que só unha continúa activa, e achegou tamén os rexistros da marca e as comunicacións realizadas ante Meta. A denuncia foi formalizada no cuartel da Garda Civil de Burela, onde quedou incorporada ás dilixencias abertas polo corpo.
O deputado galego Francisco Millán Mon explicoulles o día a día da súa actividade nesta cámara e a importancia da Unión Europea para Galicia e viceversa. Desde a dirección do centro agradecen “a súa exposición e o trato dispensado ao alumnado e profesorado desprazado a Bruxelas”. Neste 2026 cúmprense 40 anos da adhesión de España á Comunidade Económica Europea, así se denominaba naquel momento. O IES de Ribadeo é Escola Mentora do Programa Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.
A mostra, aberta na sala de exposicións do Auditorio Municipal de luns a venres entre as 18:00 e as 22:00 horas, reúne preto de 30 obras de artistas emerxentes e consolidados, ofrecendo diversas miradas sobre a paisaxe, a identidade, a memoria e a realidade contemporánea. A alcaldesa, Marta Rouco, destacou o valor de que Vilalba forme parte desta programación compartida e o impacto positivo que supón para a actividade cultural local.
No acto impuxéronlles o birrete e entregáronlles diploma e orla. Despois cantaron unha canción para as familias asistentes. Houbo moitos aplausos e algunhas lágrimas de emoción.
A saída será ás 10:00 desde El Bao, con autobuses ás 9:00 desde Navia, e a chegada arredor das 16:30 seguida dunha festa na dársena. As inscricións estarán abertas do 31 de maio ao 12 de xuño na Casa do Deporte ou en liña por 7 €. O Concello anima a participar nesta cita que combina natureza, deporte e convivencia.



