Nota de Prensa
O BNG DE FOZ ACUSA AO GOBERNO MUNICIPAL DE SER OS PROMOTORES DO LAMENTABLE ESTADO DO POBO
“Nunca a vila estivo tan desatendida e Foz non se merece esto” afirma Basanta
Foz, 19 de maio de 2010.- O BNG de Foz quere manifestar a súa preocupación polo estado no que se atopa a vila debido á incapacidade e á deixación de funcións do grupo de goberno. De nada serve de que o alcalde intente convencer á xente de que todo está ben cando os feitos móstranos outra realidade: un pobo totalmente abandonado polos seus gobernantes.
O primeiro que resulta sorprendente e inadmisible é que a maioría das escombreiras e vertedoiros incontrolados estean en espazos públicos e sexan promocionados polo propio Concello. Así podemos sinalar a escombreira de detrás da Sala Bahía, unha instalación municipal e terreos públicos. Tamén no mesmo caso está o vertedoiro que se atopa detrás da depuradora e da nave que o Concello ten no Porto. É así mesmo apareceu outra escombreira de material de obra na Rúa Latexos, tamén en dominio público. Dificilmente pode esixir o Concello aos particulares que teñan as súas fincas ou edificacións en condicións de hixiene e ornato cando é o propio Concello quen promove a maioría dos vertedoiros de lixo da vila. “O Concello non pode mandar facer o que el mesmo non practica e o que debe facer antes de ameazar aos cidadáns con sancións é practicar co exemplo” di González Basanta. Estes feitos veñen a ratificar que as declaracións e os propósitos de emenda do alcalde sobre a limpeza e ornato do concello só son proclamas que esconden a incompetencia e a nula determinación á hora de aplicar a normativa.
O segundo que da unha imaxe pésima do noso pobo é o abandono no que se atopan os aparcadoiros que o Concello ten por todo o casco urbano e que foron cedidos a maioría por promotoras que non executaron as licenzas de urbanización. Estes feitos fan de Foz o pobo que peor imaxe dá diante dos veciños e dos visitantes de todos os da Mariña sen dúbida. O que ocorre en Foz non se permitiría en ningún outro Concello, porque é o propio Concello quen xestiona ditos aparcadoiros. Podemos poñer como exemplos o aparcadoiro do antigo cine en plena Avenida da Mariña, unha lameira cando chove, cheo de socavóns, coas vallas derrubadas e con cascallos de obra. Outro tanto ocorre na outra vía principal da vila, a Rúa Alvaro Cunqueiro, onde se atopa un aparcadoiro municipal nunhas condicións desastrosas.
Tamén hai que resaltar os numerosos desperfectos no mobiliario público ou a suciedade das vías públicas que a pesares de ser advertidos a través dos rogos en pleno non son amañados. Como exemplo, hai máis dun mes que no parque Martinez Otero, o máis céntrico da vila, os columpios están rotos e as farolas sen luminarias. Ou o parque da Rúa Uxío Novoneyra cheo de maleza e material de obra desde que se instalou.
Outra situación insostible son os numerosos casos de obras de urbanización que non se remataron e que quedaron abandonadas á súa sorte chegando ao estado de ruina. Non se tomou ningunha medida por parte do Concello e agora cada vez están nunha situación de degradación peor dando unha imaxe cara o exterior dunha vila devastada e provocando ao mesmo tempo situacións de auténtico perigo para os peóns coas vallas defectuosas e cos materiais abandonados. A maiores, estas obras están nas rúas máis céntricas de Foz como son a Avenida da Mariña ou Alvaro Cunqueiro.
De todas estas denuncias hai documentación gráfica pero só temos que darnos un paseo polo pobo para comprobalo. Todo esto e moito máis non é algo que o BNG non lle teña advertido ao Grupo de Goberno en numerosas ocasións pero que só a irresponsabilidade e a deixación coa que actúa o grupo de Goberno son as culpables de que as cousas sigan igual ou empeoren. O grupo municipal nacionalista culpa directamente ao alcalde, por ser el o responsable deste estado de cousas e non tomar ningún tipo de medida para solucionalo e dedicarse a lanzar proclamas sen facer o que xustamente critica. “Os veciños e veciñas de Foz non teñen desde logo a culpa de ter uns gobernantes tan ineficaces e que o único que fan é lanzarse loubanzas inmerecidas de obras, a maioría delas a través da contratación de empresas privadas cando ben poderían realizalas o propio Concello”.
A crúa realidade é que Foz hoxe é a vila da Mariña máis desatendida e que peor imaxe da á vista de todos, tanto de veciños coma de visitantes, cousa que desde logo Foz nin os focegos merecen e que só ten un culpable: o equipo de goberno.



















Durante case dúas horas desenvolveuse unha conversa aberta arredor do mundo do espírito e do contido da obra, nun encontro ao que asistiu un grupo numeroso de persoas dispostas non só a escoitar, senón tamén a dialogar e compartir reflexións. Tras a intervención inicial de Pepe Peinó como responsable do proxecto, tomou a palabra o escritor Lionel Rexes, quen achegou novas perspectivas antes de abrir o debate ao público. As opinións, argumentos e matices sobre relixión, espiritualidade, Deus e os valores que sustentan a convivencia foron enchendo o espazo nun ambiente participativo e respectuoso, no que as diferenzas quedaron en segundo plano fronte á forza do diálogo, a solidariedade e o afecto.
Foron os propios implicados quen contactaron co 112 Galicia pasada a medianoite deste domingo. O vehículo no que viaxaban saíuse da vía na LU-132, en Cabarcos, Barreiros. A posición na que quedou o coche, inclinado sobre un terraplén, complicou o acceso dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, por iso, os xestores do Centro Integrado de Artención ás Emerxencias de Galicia avisaron aos Bombeiros de Barreiros. Finalmente, só tiveron que rescatar a un dos dous ocupantes, o copiloto, e, para iso, tiveron que cortar os asentos. Do mesmo xeito, o equipo médico só trasladou a unha persoa.
A iniciativa xurdiu co obxectivo de xuntar o alumnado que coincidira na EGB, pero axiña se ampliou a todas aquelas persoas que compartiron pupitres e amizades tamén no instituto.
O público, totalmente entregado de principio a fin, amosouno cos intensos e prolongados aplausos que acompañaron toda a actuación. Ao remate, os asistentes expresaron o seu desexo de poder gozar no futuro de novos concertos do artista, que sen dúbida volverán entusiasmar ao público.
Villares subliñou o éxito de convocatoria do evento, que reúne cada ano a numerosos participantes e afeccionados en Ribadeo, “aproveitando o atractivo da ría e do seu porto deportivo para atraer visitantes e complementar co deporte a súa ampla oferta de natureza, patrimonio e gastronomía”. A presente edición estivo dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, con motivo do centenario do nacemento do que fora presidente do Goberno e alcalde honorario do municipio. Ademais das regatas de vela en distintas categorías, celebráronse bautizos de buceo, charlas ou un concurso de pesca, entre outras actividades.
Na xuntanza preténdese analizar a execución das obras, o comportamento da empresa responsable, a problemática dos accesos durante as Festas de Xunqueira e solicitar ao Concello de Viveiro que faga público o proxecto definitivo.
A marcha partirá ás 12:30 horas diante do Concello, percorrerá as rúas peonís do centro e rematará novamente na casa consistorial, onde se lerá un manifesto. A plataforma chama a mobilizarse cunha mensaxe clara: cada bomba destrúe vidas e cada silencio convértenos en cómplices. Defenden que é o momento de saír á rúa para esixir o fin da violencia, o respecto aos dereitos humanos e a liberdade do pobo palestino, lembrando que a presenza das persoas manifestantes é a voz de quen hoxe non pode falar. A convocatoria péchase cun triplo chamamento: non á guerra, non ao silencio e non á indiferenza.



