Burela, 6 de marzo, 2021. O Pescados Rubén Burela FS cumpriu esta tarde cunha cómoda vitoria na pista do pechacancelas, Xaloc Alacant FS (0-7), encadeando ademais a súa terceira cita con portería a 0. As Guerreiras encamiñaron moi axiña a cita con 0-3, xa no minuto 9; na segunda parte completaron a renda, reencontrándose co gol por partida dobre na continuación, e estando máis tallantes en defensa para neutralizar as escasas tentativas de chegadas alacantinas.
As Guerreiras deixaron pegada da súa superioridade no luminoso con tres dianas antes do ecuador do primeiro acto. Tras a apertura de Lara Balseiro antes do cumprirse o 2 de xogo, axiña chegou o 0-2, con Bea Mateos en conivencia con Dany, na pugna de recuperacións. O Xaloc tentou sorprender á contra nun par de chegadas fulminadas por Jozi sen problema, que viviu a máis perigosa sobre a rede laranxa fronte a Lara Navarro, co 0-3 xa a recado nas arcas galegas, en propia porta de Angy. Tiveron que facer fronte as pupilas de Julio Delgado en momentos certamente anárquicos. Leti, en estratexia, e Ale de Paz, de lonxe, dispuxeron das mellores ocasións para o cuarto, que se resistiu antes do descanso, cunha recta final na que Jozi despexou co puño fronte a Angy e máis tarde se tivo que aplicar ante Ortiz, co apoio da defensa a área.
Volveu dispoñer dun inicio moi efectivo o Pescados Rubén no regreso. Tras os avisos de Elena Aragón, en disparo cruzado, e Dany en carreira, Bea Mateos (minuto 22) e Jane (minuto 24) aumentaron a renda ata o quinto. Sandra mantivo a portería infranqueable con dúas perigosas de Poveda e Angy, sen moito máis traballo. Insistiron e insistiron, armándose de paciencia as mariñás, para referendar o claro triunfo. Dany, recibindo ao segundo pau de Bea, e Jane, nun grande entendemento con Elena Aragón, subiron o definitivo 0-7 entre o 34 e o 36.
Ficha técnica
Xaloc Alacant FS: Vero Villa, Lara Navarro, Ortiz, Poveda, Angy, cinco inicial; tamén xogaron Maite, Elena Sanchís, More, Lorena Martínez, Toñi
Pescados Rubén Burela FS: Jozi, Dany, Lara Balseiro, Bea Mateos, M. Cortés, cinco inicial; tamén xogaron Elena Aragón, Cami, Luísa Mayara, Ale de Paz, Jane, Sandra Buzón
Goles: 0-1, minuto 1, Lara Balseiro, 0-2, minuto 3, Bea Mateos; 0-3, minuto 9, Angy ( p. p.); 0-4, minuto 22, Bea Mateos; 0-5, minuto 24, Jane; 0-6, minuto 34, Dany; 0-7, minuto 36, Jane
Árbitros: Reig Miralles // Sanclemente Elvira. Por Burela amarela a Luísa Mayara (minuto 22).
Incidencias: Partido correspondente á xornada 17 de Primeira División Feminina disputado no Pitiu Rochel de Alacante.























Os servizos sanitarios trasladaron ao hospital a tres persoas implicadas nunha colisión frontal en Castro de Rei. Unha delas tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Vilalba. Contra as 11:15 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun choque entre dous vehículos no quilómetro 71 da N-640, á altura da parroquia de Viladonga. Desde o punto, os alertadores sinalaron que unha persoa permanecía atrapada. Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros liberaron á persoa, que foi trasladada xunto con outros dous feridos ao hospital en ambulancia.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.
A artista, referente da música popular galega, conectou cun público diverso que gozou dunha sesión vermú marcada por máis de trinta anos de traxectoria. O concerto serviu tamén como despedida e recoñecemento a Valentín González e Viviana Pérez, que deixan a organización da comisión de festas tras dúas décadas. O deputado de Mocidade, Daniel García, destacou a importancia da implicación veciñal para manter vivas as celebracións que fortalecen a identidade comunitaria e reafirmou o apoio da Deputación ás redes asociativas e á programación cultural en galego. A actuación forma parte da iniciativa provincial para achegar música tradicional e en galego a todos os públicos.
Cómpre sinalar que este produto conta cun distintivo de calidade diferenciada, a Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá, un dos 36 selos recoñecidos en Galicia que amparan a súa excelencia. Neste sentido, a Xunta vén de lanzar a nova marca Aquí Sabemos, coa que se busca reforzar o coñecemento e a identificación por parte dos consumidores dos produtos alimentarios galegos protexidos por figuras de calidade diferenciada.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
O evento ofrecerá mel, produtos de tempada, artesanía, gastronomía e outras propostas locais. O Concello do Valadouro mantén aberto o prazo de inscrición para persoas e empresas expositoras, que poden presentar a súa solicitude na sede electrónica ou nas oficinas do Centro Socio-cultural, Xuvenil e da Terceira Idade “Manuel Lourenzo” ata o martes 6 de outubro, ou ata completar os postos dispoñibles.
Neste espazo radiofónico Félix Jorquera falou coa alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; co concelleiro de Cultura, Manuel Arango; con José Cuadrado, presidente da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá e pregoeiro desta edición da festa; co chef Pedro Barreira; e con Antonio Irimia, presidente do club VespaFaba & Clásicos, de Lourenzá. Por diante queda toda unha fin de semana chea de actividades arredor da faba de Lourenzá. Os organizadores animan a acudir a esta cita.