NOTA DE PRENSA:
O organismo provincial desoe as reiteradas peticións do Goberno municipal que demandaba a disposición destas medidas para incrementar a seguridade viaria en varios puntos do termo municipal
A DEPUTACIÓN NON INSTALARÁ PASOS DE PEÓNS ELEVADOS E BANDAS RUGOSAS NAS ESTRADAS DA SÚA COMPETENCIA EN CERVO
* O rexedor municipal Alfonso Villares dirixe un novo escrito de resposta á Deputación, recordándolle que ten o deber de ofrecer solucións a estes problemas que se están a dar nas estradas “por ser de titularidade provincial” e urxindo a que o Servizo de Vías e Obras deste organismo remate o estudo que supostamente están elaborando desde fai tres meses
* O Concello de Cervo reclamaba a construción de pasos de peóns elevados nas proximidades do novo Centro de Saúde de San Ciprián e na estrada da capital municipal, entre outros.
Cervo, 04 de novembro de 2008.- A pesares das reiteradas peticións efectuadas por parte do Concello de Cervo para que a Deputación de Lugo proceda á instalación de medidas de protección da seguridade viaria en varios puntos das estradas de titularidade provincial que transcorren polo termo municipal cervense o Delegado de Infraestruturas e Obras da Deputación confirma, a través dun escrito remitido ao Alcalde que non teñen previsto colocar bandas rugosas nin pasos de peóns elevados. Deste xeito o organismo provincial fai oídos xordos ás moitas solicitudes remitidas por escrito polo rexedor Alfonso Villares quen demandaba, con especial urxencia, a construción deste tipo de pasos de peóns na LU 1510 nas proximidades do novo Centro de Saúde de San Ciprián y na rúa Xosé Álvarez da capital municipal.
Na súa resposta a Deputación Provincial xustifica a súa falta de atención as demandas do Goberno municipal en que as bandas rugosas “están prohibidas pola lei” e os pasos de peóns elevados “correspóndense á ordenación do tráfico en zonas urbanas” e non a espazos de titularidade provincial como son estes. É dicir, “como criterio xeral” –afirma o escrito do organismo provincial- “non se van a colocar” ningunha destas medidas. Para o Goberno municipal estas escusas “non son cribles, pois é tanto como dicir que todos os concellos onde existen este tipo de elementos –bandas rugosas e pasos de peóns elevados- están incumprindo a normativa. O organismo provincial si afirma no seu escrito que “se podería reforzar a sinalización existente ou incluso colocar bandas sonoras para aumentar a atención dos condutores”
O Goberno municipal empraza á Deputación a reconsiderar esta “inaceptable” postura e lembra que esta petición non se trata dun capricho senón de ofrecer solucións viables e efectivas naqueles puntos que, pola súa perigosidade, existe un alto risco de producirse accidentes.
RESPOSTA ESCRITA DA DEPUTACIÓN
Para dar resposta á falta de interese da Deputación polo incremento da seguridade viaria nos puntos sinalados con anterioridade, o rexedor municipal, Alfonso Villares, remitiu un novo escrito á entidade provincial recordándolle que ten o deber de dar solución a esta problemática “porque, en primeiro lugar, a lei obriga á Deputación a colaborar cos concellos como o noso tanto técnica coma economicamente e, en segundo lugar, porque debe exercer as competencias que lle atribúe a propia lei nas vías e servizos da súa responsabilidade como son aquelas nas que se pretenden instalar os futuros pasos de peóns elevados.
Ao mesmo tempo, o primeiro edil de Cervo urxe ao Servizo de Vías e Obras da Deputación a que remate o estudo que “parece ser levan elaborando fai máis de tres meses” e que ten por obxecto establecer as áreas susceptibles de sinalizar. En todo caso, desde o Concello de Cervo están seguros que “un simple reforzo da sinalización é unha medida claramente insuficiente para garantir a seguridade viaria destes puntos e iso deberan sabelo, como o sabemos todos”.
RESPONSABILIDADE DA DEPUTACIÓN ANTE UN POSIBLE ACCIDENTE
Ao mesmo tempo emprazan a Lara Mendez e Juan Antonio Estua, concelleiros da oposición local e “ambos os dous, traballadores da Deputación” –cada un deles con distinta responsabilidade- a que apoien a petición do Concello. “Cando teñamos que lamentar un desagradable accidente xa será demasiado tarde e entón, estes señores da Deputación terán que explicar aos veciños a súa falta de atención as nosas reiteradas peticións”
O Goberno municipal lembra que a instalación da pasos de peóns elevados e outras medidas de seguridade viaria teñen o seu sentido “máis cando como é o caso, as nosas peticións veñen avaladas polas reclamacións dos propios veciños destas zonas que están interesados que non queren ver como a falta de actividade da Administración”. O Concello de Cervo está comprometido con esta labor e, nese senso, xestionou a construción de varios pasos de peóns elevados en San Ciprián e outras medidas noutros puntos do termo municipal ademais de reforzar o control do tráfico polos efectivos da Policía Municipal

















Ocorreu pasadas as 15:30 horas. Un traballador tivo que ser evacuado ao hospital logo de caerlle o tronco dunha árbore enriba mentres realizaba tarefas no monte en Cervo. Aínda que estaba liberado e consciente, precisaba asistencia sanitaria. Os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 trasladárono finalmente ao Hospital de Burela. Neste operativo tamén participaron a Garda Civil e a Policía Local de Cervo.
Subliñou o traballo colectivo, o papel do voluntariado e a participación de arredor de mil corredores. Tamén puxo en valor o impacto económico e social da proba e o apoio institucional que permite o seu crecemento, incluída a difusión en streaming que levou a CAMOVI e a Viveiro a todo o mundo.
O presidente, José Manuel Gómez Puente, destacou o bo tempo e o reencontro do grupo nun percorrido de 22 km entre Pedrafita e Triacastela. A próxima etapa será o 1 de maio, entre Triacastela e Sarria, e xa está aberta a inscrición no teléfono 623 22 68 25.
Ás doce en punto, tres foguetes —un por cada palabra do nome oficial— foron lanzados desde O Castrodouro, capital histórica do termo municipal e orixe da localidade, pois alí, hai 806 anos, Afonso IX concedeu o título de vila e todo un distrito que administrar; episodio histórico do que deriva o nome do concello. Os veciños reunidos mostraron a súa satisfacción pola recuperación da denominación histórica, afirmando moitos deles que nunca deixaran de empregar o nome completo. Do mesmo xeito, os maiores agradeceron aos impulsores da iniciativa a restitución do topónimo que a historia legou ao municipio alfocés.
Viveiro, 20 de abril, 2026. A proba volveu converter Viveiro nun punto destacado do deporte e da convivencia, ademais de supoñer un impulso económico para o municipio. María Loureiro destacou que a Camovi “é un exemplo de colaboración e esforzo colectivo, que sitúa Viveiro no mapa e dinamiza a economía local”. O Partido Socialista lembra o seu apoio histórico á carreira e reafirma o seu compromiso para seguir contribuíndo ao seu crecemento. O PSOE agradece tamén á veciñanza a súa acollida e implicación, fundamentais para que o evento continúe medrando ano tras ano.
Castro destacou o labor da Asociación e o potencial da tradición do ferro como motor económico, social e cultural para Riotorto, subliñando a importancia de impulsar iniciativas que garantan futuro para estes oficios. A Deputación de Lugo mantén unha colaboración estable coa entidade, cunha achega de 14.000 euros. No marco deste apoio, a Asociación avanzou na documentación dos oficios do ferro, catalogando ferramentas, técnicas e a historia das antigas “ferrerías de monte”.
O responsable provincial destacou "o traballo realizado pola organización ao longo destes anos para consolidar unha proba deportiva de primeiro nivel, que atrae tanto deportistas do máximo nivel competitivo como participación popular"



