O exburelista Antoñito adiantou aos manchegos, que marcaron os tres tantos nos últimos seis minutos do choque disputado en Vista Alegre
Burela, 30 de novembro, 2024. O conxunto masculino do Pescados Rubén Burela sufriu este sábado a súa segunda derrota da tempada en Vista Alegre logo de caer ante un Quesos El Hidalgo Manzanares (0-3) que estivo moito máis acertado no treito final do partido, o que lle valeu para sumar o seu primeiro triunfo do curso a domicilio. Con este resultado, os mariñaos quedan agora seis puntos por baixo dos manchegos.
A primeira parte foi moi parella, entre dous equipos que saben defenderse moi ben e que non quixeron arriscar demasiado en ningún momento. A mellor ocasión chegou para os locais nun dobre penalti no minuto 18 que non aproveitou Juninho
Rikelme foi o primeiro en buscar o gol, cun balón no minuto 3 que se paseaba por diante da portería do Manzanares sen que ninguén lle tocase e posteriormente facíao cun disparo que despexaba Antonio Navarro. Non habería máis ocasións ata o ecuador do primeiro tempo, cando Javi Alonso remataba cun tiro cruzado unha acción persoal na que Kaluza metía o xusto as mans para evitar o gol visitante.
A partir de aquí gañaría o encontro a nivel de ocasións cun lanzamento de Malaguti desde fóra da área, que despexaba Antonio Navarro, e logo respondían os manchegos cun contragolpe que finalizaba moi alto Daniel. Segundos máis tarde era Isma o que o probaba tamén de lonxe coa esquerda e metía as xemas dos dedos o porteiro ciudadrealeño.
O cadro local cometía a súa quinta falta a 5 minutos e 40 segundos do descanso, mentres que os visitantes facíano cando restaban 180 segundos para o intervalo, pero só terían os mariñáns a opción de marcar desde os 10 metros. Gozaba dela Juninho tras unha falta sobre Malaguti, pero o envío do brasileiro era demasiado centrado e sacaba en dous tempos Antonio Navarro.
Antes do descanso repartíronse unha boa ocasión cada equipo. A primeira foi para os de casa despois dunha perda dos manchegos que terminaba Isma cun disparo durísimo ante o que realizaba un paradón Antonio Navarro. A segunda tivérona os forasteiros, nun tiro moi perigoso de Humberto que tocaba Kaluza e rozaba o pau esquerdo da meta laranxa.
O segundo tempo comezou cun paradón de Kaluza ante Daniel á saída dun córner. O brasileiro íase con calidade de Isma, pero o polaco resolvía con acerto o man a man. Respondía rápido o cadro local cunha boa triangulación que deixaba só a Pitero ante Antonio Navarro. O canteirán, demasiado escorado, remataba, pero tapaba ben o meta manchego. Pitero volvía ser protagonista na acción posterior de ataque dos visitantes, xa que rebañaba en última instancia un balón que se dispoñía a rematar a pracer a gol Humberto.
No minuto 24 Rikelme vía a súa segunda amarela e os locais quedaban en inferioridade. Defendéronse moi ben os discípulos de David Rial, que só concederon dúas ocasións neses dous minutos aos ciudadrealeños. En ambas aparecía un salvador Kaluza diante de Pedro e Humberto. Antes, os mariñáns tiveran mesmo unha oportunidade para adiantarse, pero o lanzamento de falta de Charly pegaba no corpo de Antonio Navarro.
A pesar de non aproveitar a superioridade, estiveron mellor os manchegos a partir dese momento, con moita máis presenza ante o marco contrario que os laranxas, aínda que Araya tamén dispuxo dunha boa ocasión diante do marco contrario nun disparo cruzado que tocou o xusto o cancerbeiro queixeiro. Xusto no ecuador do segundo período, Kaluza volvía facer enorme para deter un dous contra un dos visitantes que finalizaba Juan Emilio.
A lei do ex
Con 0-0 no electrónico e seis minutos por disputarse cumpriuse a lei do ex. Antoñito, que defendeu durante catro tempadas a elástica laranxa, aproveitaba un rexeite dun lanzamento de Daniel para adiantar ao seu equipo. Conseguía tocar o balón Kaluza, pero non coa suficiente forza para evitar o tanto.
Reaccionou o cadro local con dúas poutadas de Malaguti, o home máis entoado este sábado nos mariñáns. No primeiro pedía o benaventano penalti por derruba dun xogador manchego e no segundo conseguía superar a Antonio Navarro, pero o seu disparo, xa un tanto forzado, pegaba na base do pau.
Non chegou o empate e na seguinte acción poñían o 0-2 os visitantes. Araya derrubaba na área a Juan Emilio e Daniel non desaproveitaba un penalti no que Kaluza volvía estar a piques de deter o disparo. Tocou o balón o polaco, pero non o suficiente. Con Isma xogando de porteiro-xogador, Zequi redondeaba a conta manchega cun tanto desde a súa propia área aproveitando que a meta local estaba desguarnecida.
Ficha Técnica Pescados Rubén Burela FS 0-3 Quesos El Hidalgo Manzanares
Pescados Rubén Burela FS (0): Kaluza; Isma, Alberto, Rikelme, Malaguti -quinteto inicial-, Araya, Juninho, Charly, Pitero, Meira e Quelle.
Quesos El Hidalgo Manzanares (3): Antonio Navarro; Javi Alonso, Pedro, Antoñito, Daniel -quinteto inicial-, Juan Emilio, Humberto, Zequi e Pedro Herreros.
Goles: 0-1, min. 34: Antoñito. 0-2, min. 36: Daniel, de penalti. 0-3, min. 37: Zequi.
Árbitros: González Moreta e Sánchez Chamorro (Colexio Madrileño). Expulsaron ao local Rikelme no minuto 24 por dobre tarxeta amarela. Tamén amoestaron polos burelistas a Malaguti, Araya e Isma, así como ao seu técnico, David Rial. Mentres, viron a amarela os visitantes Pedro Herreros, Daniel e Javi Alonso, ao igual que o seu adestrador, Juanlu Alonso.
Incidencias: Encontro da novena xornada da Primeira División masculina disputado no pavillón de Vista Alegre diante duns 900 espectadores.


























Neste espazo radiofónico Félix Jorquera falou coa alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; co concelleiro de Cultura, Manuel Arango; con José Cuadrado, presidente da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá e pregoeiro desta edición da festa; co chef Pedro Barreira; e con Antonio Irimia, presidente do club VespaFaba & Clásicos, de Lourenzá. Por diante queda toda unha fin de semana chea de actividades arredor da faba de Lourenzá. Os organizadores animan a acudir a esta cita.
Os asistentes puideron coñecer de preto unha particular viaxe que parte de Ribadeo e percorre Galicia en 37 etapas bordeándoa e combinando ciclismo, patrimonio, cultura e paisaxe. Jorge Justo estivo acompañado polo alcalde de Ribadeo, Dani Vega, e por Pablo Mosquera, ex director do Hospital da Costa (agora Hospital Público da Mariña).
Unha peza de teatro físico e manipulación de obxectos para público infantil e familiar que aborda a meta máis soñada polo ser humano: voar sen ás. Venda de entradas: no teléfono 982560162, en horario, de 9 a 14,00 horas, ou no correo electrónico cultura@viveiro.gal ou na taquilla unha hora antes da función. A cita será ás 18h.
O evento ofrecerá mel, produtos de tempada, artesanía, gastronomía e outras propostas locais. O Concello do Valadouro mantén aberto o prazo de inscrición para persoas e empresas expositoras, que poden presentar a súa solicitude na sede electrónica ou nas oficinas do Centro Socio-cultural, Xuvenil e da Terceira Idade “Manuel Lourenzo” ata o martes 6 de outubro, ou ata completar os postos dispoñibles.
Un particular informou minutos despois das 11 horas deste xoves dun camión que transportaba formigón envorcado no quilómetro 68 da N-640, á altura da parroquia de Ramil (Castro de Rei). Segundo explicou o mesmo alertador, o condutor permanecía no interior da cabina e outros dous turismos estaban implicados no accidente. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros de Vilalba e dos servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros confirmaron que non tiveron que excarcerar, pois a persoa estaba xa fóra do vehículo cando chegaron ao punto. Así, colaboraron na limpeza da vía cos servizos de mantemento da estrada.
Ademais da intervención arqueolóxica de 2026, o Concello achega 7.500 euros para restaurar a cabaña C-2, lembrando que “Seguimos apostando por el patrimonio arqueológico y el desarrollo arqueológico del concejo”. Tamén se mellorou o acceso ao xacemento, e o castro consolídase como un recurso turístico en crecemento, clave para avanzar na desestacionalización.


